Fiestas en Rías Baixas

Festas

Malla Tradicional de Lalín

A malla do centeo, unha tradición histórica

Lalín revive en agosto este antigo labor, central no proceso de elaboración do pan

Os tempos da malla tradicional regresan a Lalín cada ano en agosto. Máis de 70 persoas vestidas de época participan na recreación histórica destes traballos comunitarios de grande arraigo popular, que supoñían o cume do proceso de elaboración do pan. Promovida polo Museo Etnográfico Casa do Patrón, a Festa da Malla Tradicional celébrase desde 2000 na aldea lalinense de Codeseda o penúltimo sábado de agosto e está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Malla Tradicional de lalín

A malla consiste en separar a palla do gran do cereal. As veciñas e veciños xuntaban forzas nesta actividade, o maior traballo comunitario en Galicia durante séculos e vital para o sustento familiar. O centeo moíase despois no muíño de río e, finalmente, cocíase no forno de leña. Existen varias modalidades históricas na comarca de Deza, as primeiras manuais, nas que se bate o mollo, e as máis modernas xa mecánicas. Así, durante a Festa da Malla Tradicional recréase de forma fidedigna por orde cronolóxica a malla á pedra, que xa se practicaba nos antigos castros galegos; a malla con manlles; a de malladoira manual; a de máquina, motor e aventadoras; e, finalmente, a malla con tractor.

Premios aos mellores traxes

A malla de Lalín é unha fermosa recuperación desta tradición que arranca nos preparativos e vai máis alá do labor en si, para converterse nunha gran xornada etnográfica, gastronómica e festiva. Comeza co carrexo dos mollos e a feitura da meda, acompañada dunha mostra de artesanía galega, dunha exposición completa de malladoiras e motores, e doutra de pinturas vencelladas ao proceso de elaboración do pan.

A festa inclúe a recreación, varias exposicións, unha comida de confraternidade e o Serán da Malla con actuacións folclóricas.

Posteriormente, recréase a malla cunha posta en escena na que participan as veciñas e veciños de Codeseda, na parroquia de Doade, e xente doutros lugares de Lalín. Ao rematar, entrégaselle o premio anual á muller e ao home mellor vestidos de época. A continuación, ten lugar a comida de confraternidade baixo a carpa ao aire libre, con vistas espectaculares do val do Asneiro, e pola tarde continúa a festa co Serán da Malla, no que participan varios grupos folclóricos de Deza.

Malla Tradicional de Lalín

Desde a sementeira en abril ao cocido do pan

A malla desenvólvese nunha paraxe de gran valor ambiental e representa o momento central do proceso de elaboración do pan, que reproduce cada ano o Museo Etnográfico Casa do Patrón. Este abrangue desde a sementeira do centeo, en abril, ata o atado dos mollos, en xullo, a malla, en agosto, a moenda e, finalmente, o cocido do pan.

A festa reúne milleiros de visitantes en Codeseda, centro xeográfico de Galicia, e foi declarada Festa de Interese Turístico pola singularidade e calidade das recreacións, o número de asistentes, o valor cultural, o arraigo na poboación local, as infraestruturas, o equipamento, a innovación, o coidado da contorna urbanística e paisaxística na que ten lugar e o grao de difusión do evento.

.