Fiestas en Rías Baixas

Camiños

Camiño de Inverno

Camiño de Inverno

Unha ruta de interior con belas paraxes naturais

O Camiño de Inverno, unha ruta de interior con pouco máis de 200 quilómetros e oficial desde 2016, cruza na provincia de Pontevedra os municipios de Rodeiro, Lalín, Silleda e A Estrada para emprender despois rumbo a Santiago de Compostela.

No seu discorrer, as e os camiñantes atopan ante si paraxes moi diversas: leitos fluviais, verdes panorámicas, contornos de interior ou frondosos bosques. Estes son o pano de fondo de especies arbóreas autóctonas e elementos patrimoniais que acompañarán ás e aos peregrinos ata o seu destino, a capital de Galicia.

A denominación da ruta débese a que lles permita ás e aos peregrinos medievais do Camiño de Santiago evitar o ascenso ao porto do Cebreiro, que na época invernal máis crúa se volvía extremadamente duro. Ben desde Ponferrada ou a mesma Villafranca del Bierzo, este camiño segue ao abrigo dos ríos Sil e Miño, uníndose á Vía da Prata. Quen se decante por este itinerario no seu traxecto cara á cidade do Apóstolo gozará dunha zona caracterizada pola súa riqueza natural e polo seu patrimonio.

Etapa Rodeiro-Bendoiro (26,8 km)

Case no centro xeográfico de Galicia, en Rodeiro, os ollos diríxense ao monte Faro, de gran beleza. Ten na súa altitude un dos seus principais atractivos, pois a súa cima constitúe o punto máis alto de todo o territorio municipal, con 1.187 metros. A maxia do contorno, en terras de Deza, contribúe a facer máis ameno este traxecto de importante dificultade.

A ruta comeza na parroquia de Río, antigamente punto neurálxico do comercio na zona, que aínda conserva os antigos pendellos das súas feiras tradicionais.

No noso itinerario cruzaremos a ponte medieval de Pedroso, construída no século XII sobre o río Arnego e con dous muíños acaroados a ambos os dous lados, e continuaremos en dirección Lalín polo paseo fluvial do río das Cabirtas.

No seu discorrer cara a Bendoiro, en Lalín, o Camiño de Inverno aínda ten moito máis que ofrecer nas terras de Camba, como se coñece a Rodeiro. Pasaremos por terras de excelente cantería sobre pontes medievais, lugares de hospedaxe, zonas de mámoas e regatos.

Entraremos en Lalín, capital da comarca dezana e epicentro gastronómico do cocido galego. Tras pasar a Carballeira das Casianas chegarase á Laxe, punto de confluencia deste itinerario coa Vía da Prata, un dos itinerarios máis tradicionais para chegar a Compostela.

Etapa Bendoiro-Outeiro (33,8 km)

En Lalín, a través da N-525, o itinerario adéntrase agora en Vilasoa para alcanzar Prado. Desde aquí chegaremos a Borralla e cruzaremos a ponte de Taboada sobre o río Deza, afluente do Ulla, que foi construído no século X. Se dispoñemos de tempo neste punto poderemos visitar o coñecido santuario de O Corpiño, que cada ano acolle miles de fieis nas súas romarías de inverno e verán. Tras Taboada ascenderemos ata Trasfontao para alcanzar Silleda.

Desde aquí o Camiño levaranos cara á esquerda. O Foxo, Chapa, A Bandeira e Castrovite acóllennos para continuar a ruta ata Loimil, Os Casares, As Carballas e Oca, famosa polo seu pazo, o versalles galego. Tras pasar esta parroquia estradense encamiñarémonos cara a Valboa, Arnois, A Calzada e A Veiga, por onde chegaremos ao municipio coruñés de Vedra.