Fiestas en Rías Baixas

Camiños

Mar de Arousa e do río Ulla

Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla

Revive o lendario paso da barca de pedra polas Rías Baixas

A Ruta do Mar de Arousa recupera o traxecto final da singradura da barca de pedra que transportaba os restos mortais de Santiago o Maior. O apóstolo foi decapitado por orde de Herodes Agripa en Terra Santa por predicar o cristianismo; os seus discípulos roubarían o cadáver e embarcaríano para darlle descanso na provincia máis afastada na que practicou o evanxeo.

A Traslatio Xacobea parte de Pedras Negras (O Grove), onde se obtén a cartilla de navegación, e conclúe en Iria Flavia. Percórrense vinte e dous concellos situados a ambas as marxes da ría de Arousa e no remonte do río Ulla, doce deles na provincia de Pontevedra: Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, O Grove, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

A fermosa ruta marítima, rica en paisaxes, praias e bancos marisqueiros, ten un percorrido de 40 millas. As e os navegantes deben selar a credencial polo menos en dous portos, un deles na beira sur da ría de Arousa e outro na norte; ou tamén nalgunha das marxes do río Ulla. Así o establece a Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla, entidade recoñecida de promoción do Camiño de Santiago e declarada de Interese Cultural e de Galicia pola Xunta en 1999.

A singradura permite gozar do único vía crucis marítimo do mundo, composto por 17 cruceiros de pedra. Estes foron doados pola Igrexa, concellos, institucións e empresas.

A travesía

Ao comezo da navegación esténdese o istmo da Lanzada, cunha espléndida praia de máis de dous quilómetros de lonxitude. O punto de partida está próximo á Illa de Ons, integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas, que é recomendable visitar se se dispón de tempo.

Durante a travesía resulta imprescindible a visita ao Grove e a Illa da Toxa, así como a escala en Cambados, berce do albariño e cun monumental centro histórico no que destaca a praza de Fefiñáns. Tamén é aconsellable deterse na Illa de Arousa, o concello insular máis pequeno de España e cun estupendo espazo natural (O Carreirón).

Vilanova e Vilagarcía de Arousa son tamén paradas recomendables; paga a pena a subida ao miradoiro do monte de Lobeira, con marabillosas vistas á ría. A travesía pasa pola illa de Cortegada, que pertence ao Parque Nacional das Illas Atlánticas e conta cun excelente bosque de loureiros. Fronte a ela, en terra, despréganse O Carril e os bancos de cultivo das súas afamadas ameixas.

Ao adentrarse na desembocadura do río Ulla as e os navegantes verán as torres de Oeste, en Catoira , forte de defensa fronte aos ataques que acometían os viquingos para apoderarse dos tesouros da catedral de Santiago de Compostela. Orixinalmente foron sete torres, situadas a ambas as beiras do río, pero na actualidade só se manteñen en pé os restos de dúas, xunto a unha pequena capela dedicada a Santiago.