O Grove declara o seu Entroido de interese troulístico internacional
Os veciños e veciñas do Grove viven con especial intensidade as festas de Entroido, que nesta edición declararon de "interese troulístico internacional", coa habitual retranca que caracteriza o Entroido meco. O certo é que o Entroido da vila mariñeira non goza de ningún recoñecemento oficial como si o ten a súa aclamada Festa do Marisco que, por certo, esta si está en trámites de solicitar a declaración de interese turístico internacional. Pero ao Don Carnal do Grove aválao a súa gran popularidade que se estende por toda a comarca do Salnés.
Este ano serán dez días de actividades festivas, nas que destacan citas multitudinarias como o Festival de Comparsas, o sábado 10 de febreiro, e o gran desfile de carrozas e disfraces polo chamado "sambódromo meco", o martes 13.
A programación iníciase o día 8 co xoves de comadres e compadres e finaliza o día 18 cun concurso de disfraces de mascotas, no que serán premiados os animais máis simpáticos. Tamén se celebrarán festivais infantís, concursos de disfraces e o tradicional enterro da sardiña coa súa comitiva fúnebre, que terá lugar o venres 16. Como novidade, o mércores de cinza estase prevista unha festa de San Valentín carnavalesca no que se premiará o disfrace da parella máis "romántica".
Como é habitual, as comparsas terán un gran protagonismo no Entroido meco, xa non só pola animación musical que proporcionan ás rúas do Grove, senón tamén polas súas esperadas letras cargadas de humor e crítica social, nas que aproveitan para facer un particular repaso cantado á actualidade internacional e local. As diferentes agrupacións exhiben todo a súa arte no Festival de Comparsas e compiten por proclamarse ante os seus veciños e veciñas como a mellor comparsa do ano.