TurisTIC, o apoio tecnolóxico ao sector turístico da provincia de Pontevedra
A capacitación en materia de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), un centro de demostración que estableza sinerxías entre o sector turístico e o tecnolóxico, e unha aceleradora para titorizar proxectos destacados son as principais liñas de actuación de TurisTIC, unha iniciativa dentro do programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra coa que axudar ao sector, formado na súa maioría por empresas de menos de 10 empregados e baixa aposta en novas tecnoloxías, a adaptarse á contorna dixital.
Presentado esta mañá pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polos deputados provinciais Santos Héctor e Javier Dios, e das asesoras e asesores de SmartPeme na provincia, este novo proxecto permitirá ás empresas do sector turístico, na súa maioría formadas por menos de dez traballadores e escaso investimento en novas tecnoloxías, adaptarse á contorna dixital. Neste sentido, Silva destacou que a provincia de Pontevedra conta “con máis de 10.000 empresas dedicadas ao turismo, o que representa o 34 % do sector en Galicia” e que “o 13 % das empresas da provincia pertencen ao sector turístico, un sector que xera moita actividade económica e emprego”.
Solucións formativas a medida
A capacitación TIC, a través de información e asesoramento personalizado ás empresas nas seis oficinas de SmartPeme das Rías Baixas (Lalín, Cambados, Pontevedra, Ponteareas, O Porriño e Vigo), é un dos obxectivos da iniciativa. Para iso TurisTIC realizará un diagnóstico inicial do grao de madurez tecnolóxica das empresas para ofrecer produtos e soluciones TIC personalizadas, así como impulsar accións formativas en áreas de coñecemento como as redes sociais, os sistemas de traballo en rede, servizos online, comunicación e márketing, xestión de datos ou innovación e idiomas.
Ademais, TurisTIC apoiará as campañas turísticas estacionais, a través da formación e un plan de mellora personalizado para cada empresa, e unha xornada de turismo dixital programada para o mes de outubro no castelo de Soutomaior, unha das grandes mostras da riqueza do patrimonio fortificado da provincia. Nesta xornada, centrada en novas tendencias, experiencias e vantaxes da aplicación das TIC en turismo, e á que a presidenta da Deputación adiantou que “está previsto que asistan responsables da empresa Minube e Seggitur”, entregarase o I Premio Anual ás Mellores Iniciativas de Turismo Dixital, un premio que ten por obxectivo “promover a innovación e a calidade no sector recoñecendo diferentes categorías como a mellor idea de negocio, a mellor transformación dixital, a mellor campaña de promoción turística dixital e a mellor innovación tecnolóxica”, como apuntou Carmela Silva.
Centro de demostración como ponte entre sectores
Outra das apostas coa que TurisTIC pretende “chegar ao maior número de empresas posibles”, como sinalou a presidenta da Deputación, é a creación dun centro de demostración, a modo de ponte e escaparate entre as empresas tecnolóxicas e de turismo, dando a coñecer solucións tecnolóxicas e novas ferramentas TIC a través de demostracións e exposicións. Este centro abordará aspectos como a ciberseguridad, apps, big data, tecnoloxía, medios de pago, etc.
Por último, está previsto que TurisTIC conte cunha aceleradora desde a que titorizar os proxectos máis destacados, así como acelerar as iniciativas emprendedoras innovadoras que desenvolvan tecnoloxías no sector turístico. Nesta liña, Silva anunciou que “nas próximas semanas teremos unha reunión co tecido asociativo turístico para presentarlles a nova iniciativa; tamén está previsto o lanzamento da aceleradora e a creación de mesas de traballo, ademais de empezar en xullo coas actividades de apoio en materia TIC na difusión de eventos turísticos”.