Fiestas en Rías Baixas

Proyecto Greentour

Proxecto Greentour

A Deputación de Pontevedra forma parte desde o ano 2020 do proxecto “Greentour: economía circular e turismo sostible en destinos do espazo SUDOE”. Este proxecto europeo ten como obxectivo avanzar cara a un novo modelo ambiental, económico e social nos destinos turísticos e, asemade, informar as persoas consumidoras e obter o seu compromiso coa contorna na que se está a desenvolver a actividade turística.

A Deputación destina ao proxecto un orzamento de 100.000 euros, do cal o 75 % está subvencionado con fondos FEDER. En total, este proxecto contará cun investimento de 1.172.000 euros, tamén subvencionado nun 75 % con fondos FEDER. Turismo Rías Baixas forma parte, ata 2023, do consorcio composto por membros de España, Portugal e Francia, entre os que se atopan a Escola Superior de Comercio Internacional da Universidade Pompeu Fabra, Lloret Futur S. A., a Universidade de Cantabria, a Fundación Camino Labaniego, EnergyLab, a Universidade de Aveiro, o Laboratório da Paisagem-Associação para a Promoção do Desenvolvimento Sustentável e Auvergne-Rhône-Alpes Tourisme.

Co fin de mellorar os métodos de xestión, conservación, protección e fomento do patrimonio natural e cultural, “Greentour” desenvolve ferramentas de avaliación ambiental, coas que se analiza o ciclo de vida, e un software de ecoetiquetaxe para destinos turísticos para proceder á replicación, capitalización e diseminación dos produtos.

A Deputación de Pontevedra contribúe á creación do software de ecoetiquetaxe para destinos turísticos coa recollida de datos dos catro subsectores (hoteis, restaurantes e cafeterías, ocio e transporte). Os datos obtidos serven de base para xerar a ecoetiqueta e para crear unha base de datos de análise do ciclo de vida (ACV) sobre actividades e establecementos turísticos aberta á comunidade científica.

A Deputación disporá de ferramentas que lle permitirán avaliar o impacto ambiental da actividade turística no seu conxunto, co fin de implantar melloras coas que avanzar cara á ecoeficiencia do sector e mellorar a xestión do seu patrimonio. Estas ferramentas inclúen unha batería de indicadores ambientais, entre os que se atopan o cálculo da pegada de carbono, a acidificación, a eutrofización ou a formación de oxidantes fotoquímicos. Estes instrumentos de avaliación contan para o seu desenvolvemento coa participación activa nas decisións científico-técnicas do consorcio e doutros asociados interesados no proxecto, que achegan información e realizan un control externo dos resultados.

Con este proxecto, a institución provincial aspira a que en 2023 os negocios de turismo rural, aloxamento, ocio, transportes ou restauración dispoñan desta ecoetiqueta para darlles resposta ás demandas das e dos ecoturistas, un segmento de público que experimentou un crecemento notable nos últimos tres anos.

A Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso coa Axenda 2030 e co turismo sostible como sector estratéxico da provincia, xa que aposta pola sostibilidade, pola recuperación do patrimonio, polo asesoramento e pola capacitación para este sector.