Aproveita os cursos de turismo sustentable PROTURA
PROTURA xorde como un novo proxecto de formación da man de “Empleaverde”, un programa da Fundación Biodiversidade e que forma parte do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Á vez, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo “Emprego, Formación e Educación 2014-2020” e desenvolverase na provincia de Pontevedra impulsado pola Deputación e na Comunidade de Castela-A Mancha coa colaboración da Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA).
O obxectivo do programa é fomentar o coñecemento sobre turismo sustentable dos profesionais do sector, tanto do empresariado como do persoal e principalmente de todos aqueles vinculados a destinos verdes como os que rodean os espazos de Rede Natura 2000 na provincia de Pontevedra. A idea é minimizar o impacto ambiental á vez que se maximiza a actividade turística.
En total realizaranse 8 tipos de accións dedicadas ao turismo rural sustentable e a asesorías de turismo sustentable. No primeiro caso impartiranse clases sobre técnicas de xestión vinculadas a este turismo no que se abordarán temas como o impacto da actividade, a sustentabilidade do sector, a xestión deste tipo de empresas, as axudas existentes, claves do sector e o potencial do mesmo e das diferentes áreas naturais de cada localidade.
Neste caso, 6 das accións pódense realizar a distancia, mentres outras dúas realizaranse de forma mixta. Ambas as accións teñen unha duración de50 horas. No caso das accións mixtas,10 horas están reservadas á parte presencial, a cal está prevista que se leve a cabo nos municipios do Grove, A Guarda e A Estrada.
A primeira sesión convocada para O Grove está programada para o luns 4 de xuño de 16 a 21 horas e o mércores 6 de xuño de 9 a 14 horas. A clase terá lugar en Monte da Vila número 11. A parte a distancia pódese realizar desde o 28 de maio ata o 27 de xullo.
No caso das Asesorías de turismo sustentable, serán accións específicas e personalizadas para cada profesional co obxectivo de poñer en práctica calquera idea ou problema en relación coa actividade turística sustentable. Por iso, as accións serán individuais, tanto de maneira presencial como a distancia e requiren da apertura dun expediente para facer un seguimento do plan de actuación.
Algúns dos puntos nos que se vai a incidir neste apartado son a valoración do potencial endóxeno dos recursos da zona, a identificación do produto máis relevante ou a revisión da lexislación vixente e as axudas dispoñibles.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do seguinte email protura@depo.gal ou o teléfono 886 210 725. Máis información está dispoñible no apartado PROTURA da Deputación de Pontevedra.