Avistamento de cetáceos nas Rías Baixas
Unha balea azul en augas da ría de Arousa, concretamente a 11 millas da Illa de Ons. Baleas hai moitas, pero chegar a ver unha azul é case imposible. O avistamento realizouse o día 20 de setembro. Non é unha noticia calquera, pois este animal está en perigo de extinción en todo o planeta e é a segunda balea azul que se observa nas rías galegas despois de contemplarse outra hai unhas semanas preto de Muros.
O avistamento foi realizado por o BDRI o Instituto para o estudo dos golfiños mulares polas súas siglas en inglés, e falan dun exemplar de 24 metros de lonxitude e aproximadamente 200 toneladas. O feito acontecido destaca pola dificultade de observar unha destas especies mesmo cando se traballa ou investiga no mar. De feito, esta sería a primeira vez que se localiza a este animal nos últimos 30 anos en Galicia.
A motivación da súa presenza, crese, deberíase á mellora da riqueza destas augas. O seu paso, non en balde sería unha parada migratoria no seu percorrido.
Outros cetáceos na costa de Pontevedra
O equipo do BDRI atopábase estudando e seguindo a outro grupo grande de cetáceos cando localizou á balea azul. Trátase dunha organización cuxo proxecto está dirixido ao estudo dos golfiños mulares, máis coñecidos en Galicia como arroaces e que facilmente se deixan ver polas nosas costas. Creado en 2005, e con proxectos en Italia e Abu Dabhi, instaláronse no Grove, Pontevedra, en 2014. Segundo indican na súa páxina oficial, a elección da costa galega débese á súa incrible diversidade de cetáceos, con colonias permanentes de arroaces, toniñas comúns, golfiños grises, golfiños comúns, golfiños listados e baleas piloto ou caldeiróns. Ademais, engaden, de todos aqueles que poidan quedar por descubrir.
Entre as especies que habitan e as que están de paso, poderían alcanzar os 15.000 exemplares, segundo informan para outro medio responsables do CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), sendo os golfiños os máis numerosos cunha poboación ao redor dos 900.
A cantidade de animais mariños permite a existencia de empresas na provincia dedicada a realizar paseos para a observación destes cetáceos. Un turismo aínda non moi popular na actualidade, quizais porque require de bastante paciencia. Para o que desexe ir por libre, recoméndanse os puntos de entrada das rías como os mellores enclaves para atopalos. En canto ao avistamento de máis baleas azuis no futuro non só sería unha gran noticia para certificar a calidade das augas galegas, senón especialmente pola recuperación da especie.
Acuario do Museo do Mar de Galicia
Ademais destes cetáceos e das aves mariñas, son moitas máis as especies que viven do mar ou na súa contorna, tanto na costa como preto dela. Como tartarugas, lobos mariños, ou as ao redor de 139 especies de peixes no Banco de Galicia segundo unha tese presentada polo biólogo Rafael Bañón. E se das aves temos o Turismo Ornitolóxico, da fauna mariña local existe unha pequena mostra no Acuario do Museo do Mar de Galicia situado en Vigo, onde se poden apreciar segundo informan, especies do "tránsito submarino que vai desde o Museo ata a costa atlántica das Illas Cíes".