Unha Semana Santa de récord nas Rías Baixas: 86% de ocupación hoteleira de media e "cheos" nos festivos
A ocupación hoteleira nas Rías Baixas durante a Semana Santa superou todas as expectativas. Os datos adiantados antes do comezo por Turismo Rías Baixas estimaban, de forma prudente, que se situaría no 70%, pero os datos foron finalmente aínda moito mellores. "Superamos a cifra con creces xa que falamos dunha ocupación provincial do 85,59%, similar á do pasado verán, cando tivemos unha media do 85,6%, e superando en case 16 puntos a acadada na Semana Santa do 2016", subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen deu conta esta mañá do balance de pernoctacións. Amais, engadiu que a maior afluencia de persoas que chegaron ás Rías Baixas tivo lugar dende o xoves ata o luns, co cheo absoluto en practicamente toda a provincia de Pontevedra.
Por comarcas, os datos de Turismo Rías Baixas poñen de manifesto que a ocupación hoteleira durante a Semana Santa no Salnés foi do 90,5% fronte o 75% estimado. Unha porcentaxe final que se superou en zonas do Grove, se acadou en localidades como Sanxenxo ao longo da semana e que chegou ao 100% de xoves a domingo.
Na comarca de Pontevedra a ocupación hoteleira acadou o 91% fronte ó 75% que tiña estimado Turismo Rías Baixas. "Ao igual que sucedeu no Salnés - segundo destacou Carmela Silva- rozouse o cheo durante os días festivos".
Pola súa banda, no Morrazo Turismo Rías Baixas estimaba unha ocupación do 70% e se superou o 83,33% durante toda a Semana Santa e en Caldas fronte ó 80% da estimación obtívose un resultado final do 88%.
O 90% da ocupación en Vigo
A comarca de Vigo esperaba superar o 75% da ocupación hoteleira e, segundo os datos de Turismo Rías Baixas, obtívose un resultado final do 90% durante toda a semana, ascendendo ó 100% nos festivos.
Nas comarcas do Baixo Miño superouse o 82% (agardábase o 50%), no Condado e na Paradanta o 80% (estimábase un 55%) e no Deza e Tabeirós- Terra de Montes do 80% (esperábase superar o 60%).
Nos aloxamentos de turismo rural a ocupación tamén foi histórica, por riba do 70% das prazas cubertas
En canto ao turismo rural, a Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén fixou un balance positivo: "obtivemos unha ocupación do 70%, dez puntos por riba que na Semana Santa do 2016 e ata 5 puntos máis que no verán pasado, polo que estamos a falar de datos históricos para o turismo rural das Rías Baixas".
Máis polo miúdo, Carmela Silva deu a coñecer a ocupación dos establecementos de turismo rural por comarcas. Así, no caso do Salnés foi do 84%, 22 puntos por riba das previsións realizadas por Turismo Rías Baixas. No caso da comarca de Pontevedra a ocupación foi do 83%, case o dobre da estimación realizada polo organismo turístico da institución provincial.
A ocupación dos establecementos rurais da comarca do Morrazo foi do 66% e en Caldas do 80%. Vigo obtivo o 67% e O Baixo Miño o 80%. Pola súa banda, as comarcas do Condado e A Paradanta superaron o 67% e Deza e Tabeirós-Terra de Montes do 40%, en ambas as dúas 10 puntos máis que o previsto.
A Deputación de Pontevedra está a desenvolver numerosas actuacións para captara un maior número de turistas, potenciando actividades para desenvolver o turismo nas Rías Baixas, mellorando a nosa imaxe e transmitindo un novo modelo de promoción. Na actualidade a institución provincial está a ultimar a presentación do destino Rías Baixas en Lisboa, que terá lugar proximamente, e da promoción en Porto.