Cruzando camiños
Buscador

Etapa 3. Redondela-Pontevedra

18 km

Continuamos co noso traxecto, agora en dirección á capital da provincia de Pontevedra. Partimos desde Redondela, a vila dos viadutos, e tras pasar a ponte ferroviaria descendemos ata a capela barroca de Santa Mariña. Os nosos pasos lévannos ata Cesantes, desde onde obtemos unha excelente vista da illa de San Simón.

A praia desta parroquia redondelá, moi concorrida durante o verán, está situada moi preto da illa e desde o paseo marítimo do areal veremos de lonxe a ponte de Rande, que comunica a beira de Vigo e de Redondela coa da comarca do Morrazo.

San Simón
Puente de Rande

En Cesantes descubriremos outra estatua vinculada á novela de Xulio Verne, Vinte leguas de viaxe submarina, neste caso en plena ría e en homenaxe ao capitán Nemo. O conxunto escultórico queda parcialmente cuberto coa preamar. Nemo, no clásico da literatura universal, acode á baía para recuperar o lendario tesouro afundido durante a cruenta batalla naval de Rande. Na primavera e no verán existe a posibilidade de visitar a illa de San Simón, de cuxa historia demos unhas pinceladas, pero que podemos coñecer a fondo no centro de interpretación.

A enseada de San Simón, coa ponte de Rande como porta de entrada e a desembocadura do río Verdugo ao fondo, é un espazo natural de gran valor. Está integrado na rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria, do mesmo xeito que outros polos que pasamos. É lugar de cultivo de moluscos bivalvos, e desde aquí poderemos avistar aves acuáticas de diferentes especies.

Desde Cesantes continuamos cara á parroquia do Viso e, tras unha ascensión de case 150 metros desde Tuimil, baixamos ata Arcade (xa no concello de Soutomaior), famosa polas súas prezadas ostras. Cruzando o núcleo urbano atoparemos unha fornela decorada con motivos do Camiño de Santiago, con estampas e dedicatorias.

Unha visita recomendable se dispoñemos de tempo, xa que está afastado do camiño, é o castelo de Soutomaior, construído no século XII e que alcanzará o seu maior esplendor con Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido como Pedro Madruga. Foi daquela, no século XV, cando chegou a ser o centro da actividade política do sur de Galicia. Extra muros sitúanse maxestosos xardíns cunha rica, variada e centenaria flora.

Desde Arcade seguimos cara a Ponte Sampaio, cruzando a ponte sobre o río Verdugo. Neste punto librouse entre o 7 e o 9 de xuño de 1809, durante a guerra da Independencia, unha batalla decisiva na posterior retirada de Galicia do exército de Napoleón. A ponte é de orixe romana, aínda que a estrutura actual é da Idade Media.

Castillo de Soutomaior
Ponte Sampaio

Tras cruzar o río acharemos a igrexa parroquial de Santa María. Máis adiante abrirase ante nós a paisaxe na que se situaba a Ponte Nova, unha ponte medieval dun só arco que desapareceu hai unha década por mor dunha riada no río Ulló e que foi substituída por outra catro anos despois.

Chegamos á Brea Vella da Canicouva, un camiño con reminiscencias históricas, con algúns tramos empedrados e outros de terra e grava miúda, que transcorre polo percorrido da vía romana XIX. A continuación o noso itinerario lévanos á parroquia de Figueirido, no concello de Vilaboa, pasando polos lugares da Boullosa e do Alcouce.

A ruta guíanos por Santa Comba de Bértola e pasaremos pola capela de Santa Marta, do ano 1617. No lugar do Pobo tomaremos o itinerario ás beiras do río Tomeza, xa en Pontevedra, cunha ampla variedade de bosque de ribeira, no que destacan os salgueiros, os freixos, os castiñeiros, os chopos, os bidueiros e os ameneiros. Este percorrido é unha variante do oficial, que transcorre á beira da estrada.

Estamos xa no traxecto final ata a nosa próxima parada en Pontevedra. A capital, habitada por máis de 82.000 persoas, é unha cidade monumental, moi cómoda para as e os viandantes ao predominar o espazo peonil e cun fermoso conxunto histórico no que é recomendable dar un agradable paseo por rúas e prazas. Pero o día foi longo e o mellor é facer un alto, repousar e deixar para mañá o percorrido pola urbe.