Cruzando camiños
Buscador

Etapa 4. Pontevedra-Caldas de Reis

22,8 Km

Toca volver andar. A ruta en Pontevedra atravesa o conxunto histórico, un dos máis fermosos e mellor conservados de Galicia e no que destacan as prazas públicas, das que A Ferrería, centro neurálxico da vida da cidade, é unha das máis coñecidas.

O convento de San Francisco e o santuario da Peregrina, patroa da provincia de Pontevedra, son dous puntos de referencia. A capela da Peregrina, levantada en 1778 e con fachada de estilo barroco con elementos neoclásicos, é un dos edificios simbólicos da cidade do Lérez. No corpo superior poden verse as imaxes de Santiago, san Roque e a patroa como protectores das e dos fieis que van camiño de Santiago de Compostela pola ruta portuguesa. O convento de San Francisco, construído case na súa totalidade no século XIV, foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1896.

Peregrina
Plaza de la Leña

As ruínas de San Domingos (séculos XIV-XV) están na lista de lugares que debemos visitar na Boa Vila. Entre as prazas, a de Ourense e a da Estrela, que rodean a da Ferrería, son emblemáticas, e tamén merecen unha mención especial as do Teucro, A Verdura, As Cinco Rúas, Méndez Núñez e Mugartegui (ou A Pedreira).

A basílica de Santa María, iniciada no século XVI polo Gremio de Mareantes e declarada Monumento Histórico-Artístico en 1931, é un símbolo relixioso de gran transcendencia en Pontevedra. O seu estilo resulta dunha combinación de gótico tardío e renacemento. A este último pertence a fachada principal, considerada unha das obras cume do plateresco en Galicia.

Para pasear e tomar un respiro un lugar ideal é a alameda do arquitecto Alejandro Sesmero, conxunto do que forman parte o xardín de Eduardo Vicenti e o paseo das Palmeiras. Alí, preto das Ruínas de San Domingos, pode verse o monumento aos heroes de Ponte Sampaio.

Pontevedra
Ruínas San Domingos

O animado ambiente do centro histórico convida a probar a gastronomía local nalgún dos seus moitos restaurantes e taperías. Entre as festas de Pontevedra destacan o Entroido, a Feira Franca e a Peregrina, esta última o segundo domingo de agosto.

Abandonamos a capital pola ponte do Burgo sobre o río Lérez e pasamos máis adiante polo observatorio da Xunqueira de Alba, unha zona húmida de setenta hectáreas clasificada como Espazo Natural de Interese Local, con centenares de especies vexetais, máis de cento vinte de aves e unhas corenta de bolboretas.

Estamos en Santa María de Alba, onde atopamos a igrexa parroquial edificada orixinariamente no século XII en estilo románico, consagrada polo célebre arcebispo Diego Xelmírez, e enteiramente reconstruída no XVIII. A súa torre campanario é típica dos templos rurais galegos. Pasaremos despois pola capela de San Caetano (s. XVIII) e entraremos na parroquia de Cerponzóns a través dos frondosos bosques de Reirís e Lombo da Maceira. Aquí percorreremos unha senda rodeada por un muro de pedras cubertas de musgo e hedra, e a continuación poñeremos pé en Barro, outro concello do Camiño.

En Ponte Valbón pasamos ante o cruceiro de Amonisa, cunha talla de Santiago o Peregrino no fuste que indica o camiño cara a Santiago de Compostela. Atopámonos xa a 50 quilómetros do noso destino, como veremos na mouteira do camiño. Cabe destacar neste treito a igrexa de San Martín de Agudelo, do século XII e de estilo románico, na que se aprecia a influencia do obradoiro do mestre Mateo.

En Barro descubrimos o Parque da Natureza Río Barosa, cunha bela paisaxe de fervenzas e remansos, na que destacan a fervenza de Barosa, que salva trinta metros de desnivel, e unha serie de catorce muíños de auga restaurados, nos que se moían cereais. O parque é unha preciosa contorna natural na que podemos tomar un merecido e reparador descanso.

Río Barosa
Río Barosa

No noso paseo salvamos o río Agra e entramos no concello de Portas, para chegar a Barosa e Briallos, onde visitamos a capela de Santa Lucía.

Estamos xa preto da nosa parada final do día en Caldas de Reis, bañada polos ríos Umia e Bermaña, e que se distingue pola súa situación estratéxica na provincia, a riqueza paisaxística e as augas termais. Pasamos na nosa chegada pola igrexa de Santa María, de estilo románico con engadidos dos séculos XVII e XVIII.

O parque-xardín e a carballeira do Umia conforman un formidable espazo natural declarado Paraxe Pintoresca e Xardín Histórico, que presume de contar con máis dun centenar de variedades de especies de todos os continentes, algunhas difíciles de atopar en Galicia.

Concluímos o noso periplo na localidade tras unha longa xornada. Mañá emprenderemos a nosa última etapa na provincia. Destino: Pontecesures.