Cruzando camiños
Buscador

Etapa 5. Caldas de Reis-Pontecesures

15,9 Km

É hora de saír de novo ao Camiño, xa preto da nosa meta. Estamos en Caldas de Reis, vila termal de estupendas paisaxes. No percorrido polo seu conxunto histórico atopamos a igrexa de San Thomas Becket, quen peregrinou a Santiago de Compostela cara a 1167 e fixo unha parada na localidade.

Caldas de Reis
Caldas de Reis

Dentro do patrimonio relixioso de Caldas de Reis destaca tamén a igrexa de Santa María, da primeira metade do século XII. Está formada por unha nave cunha ábsida rectangular románica á que se lle engadiron dúas capelas posteriores, a de San Diego e a do Carme. Outro dos templos que hai que destacar é o de Santo André de Cesar, que conserva a súa ábsida románica.

Nesta vila atopamos dous balnearios, próximos entre si, que resulta interesante coñecer: o Balneario Acuña, un edificio de arquitectura galega de principios do século pasado; e o Balneario Dávila, que conta cun excepcional canaval de bambú. O uso tradicional das augas termais, con propiedades curativas, remóntase á época romana. A fonte das Burgas, ornamentada cunha cabeza de león á saída do manancial de auga quente, é outro elemento de interese.

Balneario Acuña
Balneario Davila

O patrón de Caldas de Reis é san Roque e durante a súa festividade, que se celebra o 16 de agosto, teñen lugar actividades culturais, concertos e procesións. Dentro da gastronomía son apreciados os produtos derivados da fariña, coma o pan de millo, e especialmente o roscón, doce elaborado con ovos, fariña, manteiga e azucre. A zona de Caldas ofrece, ademais, excelentes viños ao formar parte da Denominación de Orixe Rías Baixas, do mesmo xeito que outras terras que pisamos na nosa singradura desde a fronteira.

Saímos da vila e pasamos preto do río Bermaña, que baña a comarca de Caldas xunto co Umia, rumbo a Carracedo. Destaca na parroquia a igrexa de Santa Mariña, xusto á beira da ruta xacobea, cunha fachada cun arco de medio punto e un frontón triangular que resgarda a imaxe da santa.

O noso paseo lévanos polos lugares de Casal de Eirigo e O Pino para penetrar no monte Albor, atravesando profundos bosques próximos a antigos muíños coma os de San Gago, A Insua ou Nabal. Estamos no concello de Valga e pasaremos xunto á igrexa de San Miguel, de factura neoclásica e do século XVIII.

A ruta guíanos polos núcleos rurais de Cimadevila e Fontenlo ata o lugar de Condide, no concello de Pontecesures. No noso traxecto faremos escala na igrexa de San Xulián, de orixe románica, que ordenou construír o arcebispo Xelmírez e na que destaca a torre campanario.

Coa nosa chegada a Pontecesures cubriremos os quince concellos polos que pasa o Camiño Portugués dentro da provincia de Pontevedra, primeiro pola costa desde A Guarda ata a capital pasando por Vigo e a continuación polo interior.

En Pontecesures destacan edificacións coma O Alfolí, un edificio barroco do século XVIII utilizado como almacén de sal, tabaco e xofre, cuxo interior quedou destruído durante un incendio hai 26 anos, aínda que conserva a fachada e o escudo borbónico. Outras construcións interesantes son a capela románica de San Xulián e a ponte construída no século I, á que se lle fixeron reformas posteriores, das que a máis importante foi a realizada baixo o mando do mestre Mateo no século XII. A ponte, de dez arcos, abre o paso sobre o río Ulla; cruzándoa chegaremos a Padrón, xa na provincia da Coruña.

Caldas de Reis
Pontecesures

Os cruceiros son outro dos atractivos de Pontecesures. O de Carreiras, de mediados do século XVIII, ten unha imaxe da Raíña dos Anxos, patroa do lugar, e o de San Xulián, do século XIV, pertenceu á capela de San Lázaro, xa desaparecida.

O río Ulla, o terceiro de Galicia en lonxitude tras o Miño e o Sil, forma parte do sistema fluvial Ulla-Deza, un Lugar de Importancia Comunitaria que integra no seu conxunto tamén os ríos Bermaña, Valga e Sar, e que desemboca na ría de Arousa.

Ao cruzar a ponte sobre o Ulla quedarán pouco máis de 25 quilómetros para chegar á nosa meta en Santiago de Compostela. A primeira escala será Padrón, onde segundo a lenda xacobea desembarcaron os discípulos co corpo do apóstolo Santiago no século I.

Pontecesures
Pontecesures

Despedímonos neste punto tras acompañarte nunha viaxe repleta de grandes paisaxes marítimas e naturais, fermosos conxuntos históricos, cultura patrimonio entre outras moitas riquezas. Tras esta experiencia inesquecible toca coller forzas para completar o último traxecto.

Bo final do Camiño!