Cabecera experiencia

Cuntis réndelle homenaxe á gastronomía galega coa Festa do Lacón con Grelos

Buscador

Cuntis pecha cada ano as festas do Entroido cunha homenaxe gastronómica a un dos pratos máis famosos da gastronomía galega de inverno: o lacón con grelos.


O lacón con grelos é un prato típico da cociña tradicional galega que acostuma prepararse na época de Carnaval cando o grelo está no seu mellor momento e o frío do inverno convídanos a gozar da contundencia das carnes de porco curadas. En Cuntis levan máis de dúas décadas convertendo esta combinación gastronómica en protagonista dunha das súas festas máis importantes, declarada de Interese Turístico de Galicia.

A Festa do Lacón con Grelos celébrase cada ano o domingo seguinte ao domingo de Entroido e marca a despedida desta celebración, cos seus rituais e as súas tradicións. O protagonismo da xornada lévao a propia degustación gastronómica, cuxo prato básico é o cocido de lacón con grelos, acompañado de patacas, e de sobremesa unhas filloas. O concello instala na praza da Constitución unha gran carpa, pero tamén se pode gozar da mesma receita nos restaurantes e nas casas de comidas da localidade.

A programación festiva inclúe concertos e actuacións musicais, así como outros actos que xa se converteron en habituais na celebración, como é o caso da exposición de bonsais de camelia, a mostra de palilleiras e a ruta de motos clásicas. Para as e os participantes da concentración de motos organízase, na véspera da exaltación gastronómica, un "vespaguateque" inspirado nos anos 60.

Á tardiña, tras despachar máis de 2.500 racións de lacón con grelos e filloas, entra en acción a figura do Chapante, cuxo nome remite á denominación popular que reciben as e os habitantes de Cuntis, debido ao seu gusto polo bo comer.

Do mesmo xeito que noutras localidades das Rías Baixas existen personaxes coma a sardiña, o Ravachol, o Momo ou o Meco, en Cuntis despiden o Carnaval enviando á fogueira ao Chapante, figura que, neste caso, representa unha crítica mordaz ás xentes larpeiras e folgazanas. Viúvas, choradeiras, sancristáns, amigas e amigos acompañan o Chapante no seu último percorrido polo centro urbano, ao son de responsos e pregarias. Finalmente, o gran comellón é incinerado como colofón á degustación gastronómica e ao Entroido.

Concurso de tapas

Outra das citas consolidadas á calor da Festa do Lacón con Grelos é o concurso Tapa Lacón, que se adoita celebrar unhas semanas antes da festa. O concurso anima a hostalería local a reinventar a receita tradicional de lacón con grelos con propostas orixinais e innovadoras, presentadas en pequenos bocados. A clientela é a encargada de elixir as mellores tapas do certame.

Que facer en Cuntis

Cuntis é recoñecida polas propiedades mineromedicinais das súas termas, que se converteron no principal foco de atracción de visitantes á vila. O balneario ofrece diferentes tipos de servizos, desde tratamentos terapéuticos ata sesións de coidados estéticos, que se poden contratar como servizos illados ou como programas de varios días. Ademais, dado que o termalismo é unha actividade habitual xa desde o século XIX, conta cunha completa oferta de aloxamentos, entre os que se inclúen dous hoteis de catro estrelas e varias pensións.

O municipio tamén destaca pola súa riqueza arqueolóxica. O castro de Castrolandín, datado na Idade de Ferro, é unha visita obrigada, tanto polo interese do castro como pola súa localización privilexiada, sobre un outeiro do val do río Gallo. A Fundación Terra Termarum Castrolandín, un centro de interpretación situado no núcleo urbano de Cuntis, ofrece visitas guiadas ao xacemento e conta cunha exposición de achados arqueolóxicos.

Máis información en visitas@castrolandin.es