Cabecera experiencia

A maxia do Camiño Portugués: coñece os rituais que fan especiais cada un dos seus recunchos

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte Icono Costa Sur Costa Sur Icono Interior Norte Interior Norte Icono Interior Sur Interior Sur

O Camiño Portugués é a Ruta Xacobea que une a cidade portuguesa de Lisboa con Santiago de Compostela. O seu percorrido polo país luso transcorre por algunhas localidades coma Santarém, Coimbra, O Porto, Barcelos, Ponte de Lima e Valença do Minho, ata a súa chegada a Tui, onde comeza a andaina pola provincia de Pontevedra. Utilizado xa desde a Idade Media, este camiño vinculou especialmente Galicia e Portugal nos ámbitos social, económico e cultural.


Coñece algúns dos ritos celebrados nalgunhas das paisaxes máis espectaculares das Rías Baixas. Os ríos, os espazos naturais, conxuntos históricos coma os de Tui ou Pontevedra, as illas, termas, bosques e fervenzas compoñen esta fermosa ruta, a segunda con maior número de peregrinacións e a de maior crecemento.

O histórico Camiño Portugués

A ruta tradicional do Camiño Portugués entra nas Rías Baixas a través de Tui, tras cruzar Valença, e continúa polo Porriño cara a Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis e Pontecesures, pasando por catorce municipios. Moitos dos lugares que visitaremos ao realizar o Camiño de Santiago teñen a súa propia historia, o que fai do lugar un recuncho especial.

En Redondela terás unha cita con Xulio Verne na praia de Cesantes, co monumento ao capitán Nemo, un personaxe que, no libro do escritor de Vinte mil leguas baixo dos mares, trata de rescatar os tesouros perdidos na batalla de Rande. Ademais, en Vigo tamén atopamos un monumento dedicado ao autor .

Adentrándonos na marabillosa Carballeira de Caldas de Reis, chegaremos ata o lavadoiro municipal da localidade, cuxas augas termais fan deste lugar un punto perfecto para o relax das e dos peregrinos, no que poder gozar dun agradable baño de pernas. Máis tarde, a ponte romana de dez arcos de Pontecesures, sobre o río Ulla, fainos partícipes da historia do Camiño, xa que por este río chegaron os restos de Santiago Apóstolo nunha barca de pedra.

Outra forma de comezar a ruta na provincia de Pontevedra é a de realizar o Camiño Portugués da Costa , onde gozarás de espectaculares paisaxes no litoral e no interior, con praias, acantilados, marismas, bosques e sendas fluviais. Ademais descubrirás un rico patrimonio arqueolóxico, igrexas, pazos e os conxuntos históricos máis fermosos, sen esquecer a gastronomía, a cultura e as festas tradicionais.

Estatua Julio Verne en RedondelaRedondela
Caldas de ReisCaldas de Reis

Santa Trega, parada obrigada no Camiño da Costa

O punto de partida comeza na Guarda; a desembocadura do río Miño marca a orixe do Camiño Portugués da Costa en terras galegas. O itinerario segue por Mougás, A Ramallosa, Vigo, Redondela e Pontevedra, localidade pola que continúa o Camiño Portugués tradicional. O esteiro transfronteirizo do Miño é un lugar de extraordinario interese natural, cunha enorme diversidade biolóxica.

Ademais, reinando sobre o esteiro nas alturas atopamos o monte de Santa Trega, no que se sitúa o seu recoñecido poboado castrexo-romano, considerado como un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de toda Galicia. Unha vez alí, se sobes ao monte, estarás a realizar un ritual para invocar a choiva. Segundo a lenda, durante unha seca que durou anos e anos, produciuse a aparición de santa Trega, que lle dixo a unha pastorciña que a choiva viría despois de que todo o poboado realizase unha procesión montaña arriba en xaxún.

Outra das singularidades que poderás topar neste itinerario áchase na localidade da Ramallosa. A súa ponte románica, pola que transcorre unha antiga vía romana, está custodiada por san Telmo, cuxa imaxe se atopa aos pés dun cruceiro situado no medio desta ponte. Conta a lenda que este santo obrou un milagre protexendo a ponte, que resistiu unha forte tormenta.

Santa TeclaMonte Santa Trega
Ponte A RamallosaA Ramallosa

A Ruta do Padre Sarmiento para continuar polo litoral

Posto que en Pontevedra o Camiño Portugués da Costa toma a dirección do Camiño tradicional, propoñémosche outra alternativa que prosegue o percorrido polo litoral: a Ruta do Padre Sarmiento, que pasa polos municipios de Sanxenxo, O Grove, Illa da Toxa, Cambados, A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa ata chegar a Pontecesures.

Moi preto de Sanxenxo trasladámonos ata Noalla, unha parroquia dese municipio. Alí, cada atardecer con calixe, debido a un efecto óptico, o disco solar prolóngase e durante pouco máis dun minuto adquire o perfil do casco dun barco da cor do sol.

Noutra das localidades desta ruta, no Grove, nárrase a lenda do Meco, segundo a cal as persoas habitantes da zona tamén son coñecidas como “mecos”. A historia narra que a xente do lugar colgou un señor feudal, que abusaba deles, nunha figueira no monte Siradella, onde actualmente hai un marabilloso miradoiro con vistas espectaculares.

Durante o percorrido desta ruta, ao pasear pola zona vella de Cambados , debes saber que cando atopes un cruceiro estarás no escenario de antigos ritos mariñeiros. Para que os mariñeiros tivesen boa pesca as mulleres acudían vestidas de branco aos cruceiros ás 12 da noite para queimar obxectos e botar sal. Unha escenificación non apta para as persoas cardíacas.

Banco de Noalla en SanxenxoNoalla
CambadosCambados

A travesía continúa polas augas

A ruta pola ría de Arousa recupera o traxecto final da expedición da barca de pedra que transportaba os restos mortais de Santiago o Maior, decapitado por Herodes en Terra Santa. O itinerario comeza en Pedras Negras, O Grove, onde se obtén a cartilla de navegación, e finaliza en Iria Flavia. O percorrido, que transcorre polas beiras da ría de Arousa e do río Ulla, pasa polos seguintes puntos da provincia de Pontevedra: Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, O Grove, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

No Grove atopamos unha das mellores praias das Rías Baixas, A Lanzada. Neste areal é moi recoñecido o ritual do baño das nove ondas , que dá fertilidade a aquelas mulleres que buscan un embarazo, aínda que tamén é habitual que as e os visitantes se mergullen nas augas para escorrentar o mal de ollo e gozar de boa saúde.

Por último, pechamos as historias do Camiño cunha visita ao miradoiro do monte Lobeira, en Vilanova de Arousa, coa lenda de Dona Urraca. No medievo levantouse unha fortaleza no monte Lobeira, que viviu o seu esplendor na época da raíña Dona Urraca e as súas disputas co arcebispo Xelmírez. Ao apropiarse este da fortificación, a raíña arroxou a súa coroa a unha mina profunda para evitar que o clérigo quedase con ela. Pois ben, a historia tivo o seu desenlace o século pasado, cando unha muller que estaba a traballar a terra, alí en Lobeira, atopou un garfo e unha culler de ouro que pertencían aos restos do tesouro que houbo no castelo.

A LanzadaA Lanzada
Monte LobeiraMonte Lobeira
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte    Icono Costa Sur Costa Sur    Icono Interior Norte Interior Norte    Icono Interior Sur Interior Sur