Cabecera experiencia

Requeixo e mel: unha sobremesa lendaria nas Neves

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Primavera Primavera
Onde...
Icono Interior Sur Interior Sur

A tradición do requeixo das Neves remóntase ao Medievo. As veciñas e veciños, segundo os primeiros testemuños escritos do século XII, agasallaban con este delicioso produto as peregrinas e peregrinos da ruta entre Portugal e A Franqueira, hoxe coñecida como Sendeiro dos Frades. En 2013 o Concello logrou que a feira desta sobremesa acompañada co mel do Condado fose declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. O Venres Santo danse cita máis de 12.000 persoas para degustalo.

A combinación de requeixo e mel deu lugar a unha exquisita sobremesa de calidade suprema que fai que acudan miles de comensais para probala, a maioría procedentes de Galicia e do norte de Portugal, na festa que se celebra cada ano nas Neves desde 1991. Xa pola mañá, sérvese este manxar, xunto con outros produtos artesanais, na praza central desta vila, e tanto os locais de hostalería coma as tendas de alimentación se suman ao evento, no que non faltan as actuacións musicais.

A degustación comeza ao mediodía e o requeixo sérvese en cazolas de barro conmemorativas. As  persoas asistentes acompañan o produto con viños das Neves, para escoller entre brancos (albariños e Condado de Tea) e tintos (Rubiós). A comarca do Condado ofrece unhas condicións excelentes, con terrazas solleiras e a cuberto do vento do norte, para o cultivo de albariño, loureiro, treixadura, caíño, espadeiro e retinto.

A Feira do Requeixo e do Mel comezou a súa andaina hai 26 anos, coa colaboración entre o Concello e a Asociación de Mulleres Rurais. Esta alianza continuaría ata 2002, ano en que a asociación foi substituída pola Sociedade Cooperativa Agraria Condado-Paradanta, nacida en 1996 precisamente por mor deste evento. O mel foi incluído na festa de exaltación, organizada agora polo Concello de As Neves, como o complemento ideal para o requeixo.

Fabricación artesanal

O requeixo elaborábase no pasado de forma artesanal nas casas das veciñas e veciños das parroquias montañosas das Neves: Cerdeira, Batalláns e San Xosé de Ribarteme, onde había extensos pastos que servían como alimento para o gando. O leite cru de vaca e de cabra colocábase nunha pota próxima á lareira. Ao amornar empoábaselle callo natural, e remexíase o leite para despois deixalo repousar un día. Unha vez callado introducíase en sacos de liño para quitarlle o soro, e a continuación baleirábase o saco e amasábase para darlle un aspecto homoxéneo e cremoso. Tras cortalo en anacos envolvíase en follas de verdura.

No século XII xa hai testemuños da elaboración do requeixo, e co tempo o produto foi comercializado, primeiro como moeda de cambio e despois con retribución económica. Hoxe a sociedade cooperativa envasa dezaseis toneladas de requeixo (e dez de mel), usando para iso só leite de vaca producido en Galicia e fermentos lácticos sen conservantes nin estabilizantes.

O mel, pola súa parte, é abundante nas comarcas do Condado e A Paradanta, onde hai unha gran variedade de plantas melíferas coma o breixo, o eucalipto, a silva e o castiñeiro. As abellas extraen delas o néctar co que elaboran o mel. No pasado construíanse as colmeas a partir das sobreiras da zona. A modernización permitiu aumentar a produción e iniciar a comercialización deste excelente produto.

A maridaxe entre o requeixo e o mel deu lugar a unha sobremesa lendaria. O Venres Santo é a data ideal para probala nas Neves.

Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Primavera Primavera
Onde...
Icono Interior Sur Interior Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos