Cabecera experiencia

Terra de galaicos

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte Icono Costa Sur Costa Sur Icono Interior Norte Interior Norte Icono Interior Sur Interior Sur

Dúas décadas atrás os achados no xacemento da Lanzada, situado nun marabilloso enclave xunto ao mar, testemuñaron que a provincia de Pontevedra ocupaba un lugar estratéxico no intercambio comercial entre os pobos do Mediterráneo e o Atlántico. As escavacións desbarataron o tópico dunha terra illada e acreditaron que os contactos con outras culturas foron moi fluídos desde o século VI a. n. e. As Rías Baixas formaban parte dos circuítos comerciais de longo percorrido controlados por cartaxineses e, posteriormente, por gadiritas.


O noroeste peninsular era unha terra coñecida pola súa riqueza de recursos, especialmente mineiros, o que espertou o interese de Roma. Este territorio, enmarcado na entón provincia de Gallaecia, conformaba un espazo estruturado, complexo, con trazos culturais e sociais definidos. Os castros, antigos poboados dos galaicos, situados en espectaculares emprazamentos, son a pegada viva daquela época e a súa presenza na paisaxe constitúe un patrimonio colectivo de enorme valor.

A exposición “Galaicos. Un pobo entre dous mundos”, impulsada pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas, aproxímanos a esta terra durante un período de máis de mil anos, o comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 a. n. e.) e o século VI. Máis de 65 pezas compoñen esta mostra itinerante que comezará a súa andaina o 31 de outubro no Museo Arqueolóxico Nacional, pasará por Valencia e pechará o ciclo no Museo de Pontevedra, xusto a tempo para conmemorar o 125.º aniversario da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, xerme deste.

As pezas

As pezas reunidas en “ Galaicos, cedidas por dez institucións e acompañadas de fotografías, textos, réplicas e proxeccións audiovisuais, atesouran un enorme valor. Cada un dos bloques da mostra está acompañado de varios obxectos representativos, entre os que destacan o casco de Leiro, un ronsel de guerreiro de Castrelo do Val, unha ola da Cabeciña, un puñal da Lanzada, un diadema de Elviña, unha arracada de Vilar de Santos, un brazalete de Meis, unha tessera hospitalis do Courel, unha dolabra das minas de Carlés, unha ara do monte do Facho e un broche de cinto de Moraime.

Algunhas das pezas do Museo de Pontevedra saen por primeira vez do recinto tras ser recuperadas. É o caso do caldeiro e a fíbula zoomorfa do monte do Castro, o askós de Alobre e unha machada votiva de Lalín.

Askós, castro de AlobreAskós, castro de Alobre
Plato con representación del sacrificio de IsaacPrato coa representación do sacrificio de Isaac

Os xacementos

Santa Trega (A Guarda, século IV a. n. e.-I).

Estamos ante un gran poboado fortificado da Idade de Ferro, situado nunha impresionante paraxe na confluencia do estuario do río Miño e o océano Atlántico.

O lugar tiña un forte compoñente estratéxico e simbólico, non en balde nas súas ladeiras existe un bo número de gravados rupestres da Idade de Bronce. Tras sucesivas escavacións sábese que a súa extensión excede as 20 hectáreas, aínda que hoxe son visibles unicamente catro sectores: o barrio norte ou Calvo, o central ou Mergelina, a porta sur e varias cabanas na cima.

As primeiras referencias escritas sobre este xacemento aparecen na segunda metade do século XIX e nelas recóllense toda unha serie de achados casuais de pezas arqueolóxicas dispersas por todo o monte, desde a cima ata a beira do río Miño. Destaca unha figura de bronce achada en 1860 que representa a Hércules.

A Lanzada (Sanxenxo).

A secuencia de ocupación humana deste castro situado xunto ao mar é moi extensa. Os niveis máis antigos parecen datar do século VIII a. n. e. e perduran ata a Idade Media. As fases máis significativas son as do poboado galaico (s. V-II a. n. e.), a factoría de salgaduras (s. III-II a. n. e.), a ocupación romana e necrópole (s. I-III), a pequena igrexa e necrópole (s. IV-V) e a fortaleza medieval (s. XI-XV).

O FachoO Facho (Cangas do Morrazo)
Santa TregaSanta Trega (A Guarda)

Coma outros asentamentos antigos do Bronce Final na costa, A Lanzada segue habitado na Idade de Ferro, pero cunha diferenza: non existen evidencias de fortificación, o que lle confire unha singularidade única no noroeste peninsular. A súa extensión é considerable e representaba un emporia comercial de longa duración que continuou crecendo co paso dos séculos e a introdución do noroeste peninsular nos circuítos comerciais do mundo antigo.

Os achados constataron un modelo de explotación do medio no que a salgadura era un elemento clave nas relacións comerciais a longa distancia. Este emporio podería ter combinado a súa función de asentamento coa de centro produtivo, enclave de redistribución de bens e mesmo santuario.

O elemento máis coñecido dos documentados é a extensa necrópole, excepcional polo bo estado de conservación dos ósos. Na Idade Media a ocupación do espazo desprázase cara á punta do cabo, onde no século XI se construíra unha fortaleza para defender a costa de incursións sarracenas e normandas.

O Facho (Cangas do Morrazo).

Do mesmo xeito que en Santa Trega, a secuencia ocupacional deste xacemento, situado nun monte con espléndidas vistas ás illas Cíes e a costa da Vela, é ampla, pois a súa vida estenderíase desde o século VIII a. n. e. ata o IV ou V.

Unidad habitacional, Hierro IUnidade habitacional, Ferro I

O do Facho é un xacemento único, coñecido xa internacionalmente por albergar un santuario de época romana no que se documentaron máis dun centenar de aras. Nel aglutínanse estruturas de diversos períodos históricos e as súas particularidades son tales que fixeron valorar a posibilidade de que o universo relixioso reflectido nas aras de época romana puidese recrear cultos de épocas precedentes.

Así, é posible que o xacemento da Idade de Ferro se corresponda cun santuario no que se desenvolvían actividades de carácter ritual.

A Cabeciña (Oia, séculos X-VIII a. n. e.).

Este xacemento sitúase tamén nun contorno paisaxístico privilexiado e axúdanos a comprender a transición entre o Bronce Final e a Idade de Ferro. Aquí levantouse un recinto fortificado mediante a construción dunha gran muralla. No espazo extramuros sitúase unha estación de arte rupestre na que destacan os gravados de combinacións circulares incompletas engarzadas unhas con outras.

Estes motivos decorativos, excepcionais en Galicia, son idénticos aos documentados na fase final do megalitismo en lugares coma o dolmen de Gavrinis, na Bretaña francesa. A Cabeciña intégrase nunha rede de castros fundamental para intercambiar ideas e obxectos a comezos do primeiro milenio a. n. e.

Alobre (Vilagarcía, século I a. n. e.-III).

Na actualidade este castro forma parte dun parque en pleno centro urbano, no que se percorren a pé os terrapléns dun antigo poboado da Idade de Ferro. Alobre foi primeiro un típico asentamento castrexo que naceu cunha clara vocación comercial, favorecida pola súa posición privilexiada na ría de Arousa.

GalaicosDepósito de Saiáns

Os materiais documentados durante as campañas de escavación arqueolóxica evidencian fortes lazos co mundo mediterráneo e en especial co sur da península ibérica, a península itálica e as illas baleares . Os restos metálicos son especialmente relevantes, sobre todo de bronce, con máis de 400 exemplares. A súa proximidade ao mar fixo dos habitantes do castro hábiles pescadores e mariscadores.

Castrolandín (Cuntis, séculos IV a. n. e.-I).

As escavacións realizadas en 2004 documentaron a existencia de dezaoito estruturas de diversa cronoloxía, funcionalidade e número de plantas, das que se poden visitar dez. O poboado contaba cunha entrada graduada e monumental defendida por dous torreóns. No interior da croa ou acrópole distribuíanse diferentes estruturas, configurando unidades familiares con pequenos patios, escaleiras, almacéns e casas . En época romana o xacemento abandónase case na súa totalidade, manténdose só unha vivenda en pé.

Monte do Castro (Ribadumia, século VI a. n. e.-I).

Os tres sectores abertos nas campañas desde 2011 permitiron atopar restos construtivos castrexos coa peculiaridade de que eran totalmente diferentes. No sector norte documentouse unha área habitacional composta por varias cabanas circulares e ovaladas; o central pode considerarse a zona artesanal, con vestixios de catro estruturas, unha delas relacionada co traballo metalúrxico; e no sector sur identificouse unha edificación de planta rectangular interpretada como zona de almacenaxe pola aparición de ánforas romanas.

Nas catro campañas de escavación levadas a cabo interveuse unha área de 4.800 metros cadrados e documentáronse 2.039 unidades estratigráficas e máis de 100.000 pezas arqueolóxicas. O material máis abundante é a cerámica.

Monte do CastroMonte do Castro (Ribadumia)
Adro VelloAdro Vello (O Grove)

Adro Vello (O Grove).

Os datos recollidos durante as intervencións falan da presenza dunha factoría de salgadura quizais relacionada cunha vila romana ou anterior a ela. Sobre os restos do asentamento romano erixiuse un edificio eclesiástico e unha necrópole de inhumación. Finalmente instalouse unha torre e monumentalizáronse as estruturas, quizais en relación á vixilancia da ría de Arousa coa ameaza viquinga.

Penalba (Campo Lameiro, séculos IX-VII a. n. e.).

O castro, situado nunha área cunha grande concentración de gravados de arte rupestre, foi en orixe un asentamento estable do Bronce Final cunha economía agrícola e recolectora. Na cima consérvase a Pedra da Serpe, un petróglifo asociado a rituais de fecundidade. Nunha segunda fase levantouse o sistema defensivo do poboado.

Outros xacementos da provincia de Pontevedra : Porta de Arcos (Rodeiro), Igrexa Vella (Valga), Alto dos Cubos (Tui), Castro de Taboexa (As Neves ), A Subidá (Marín), Toiriz ( Silleda), Mercado dos Mouros (Valga), Alto da Cruz do Castro (Cerdedo-Cotobade), Salinas de Vigo, Vila Romana de Toralla (Vigo) e Castro de Troña (Ponteareas).

Para máis información sobre “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” podedes visitar galaicos.depo.gal

Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte    Icono Costa Sur Costa Sur    Icono Interior Norte Interior Norte    Icono Interior Sur Interior Sur