Cabecera experiencia

Alto aí! Vés ao Entroido dos Xenerais da Ulla?

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Inverno Inverno
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte

É unha das manifestacións máis pintorescas do entroido nas Rías Baixas. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, en varios concellos do rural da provincia de Pontevedra celébranse os famosos altos ou atranques dos xenerais.

Nas ribeiras do río Ulla, á calor da lareira, as persoas maiores lembran antigos costumes e as máis novas desexan ser as súas protagonistas. Os xenerais son un fermoso espectáculo, montados a cabalo e ataviados con vistosas vestimentas de gran valor que impresionan pola súa tradición e elaboración, e evocan un forte sentimento nas veciñas e veciños participantes.

Hai que remontarse a mediados do século XIX para entender as orixes desta festividade, aínda que se descoñece a data exacta do seu comezo. Crese que está relacionada cos soldados que loitaron pola súa terra na guerra da Independencia ou que conmemoran os xenerais das guerras carlistas, pola súa florida vestimenta.

As primeiras palabras sobre o Entroido dos Xenerais da Ulla escríbeas Alfredo Vicenti. En 1870, no seu libro A orillas del Ulla, documenta os acontecementos acaecidos no concello da Estrada durante o luns de Entroido. Neira Vilas ou Bouza Brey tamén deixan constancia desta tradición a través de varias crónicas.

Nos desfiles as e os participantes locen traxes que tardan meses en confeccionar e que levan miles de abelorios. Son un exército distinto: pacíficos e algareiros, engalanados con pezas cosidas a man con moita precisión. Nestes uniformes decimonónicos destaca o peculiar tricorne dos xenerais, do que sobresaen plumas de pavo real. Os cabalos tamén levan ornamentación na cabeza e no peito.

Entroido de los Xenerais da Ulla
Entroido de los Xenerais da Ulla

Do 28 de xaneiro ao 3 de marzo os xenerais cabalgan polos municipios recitando os famosos altos ou atranques, auténticas loitas dialécticas nas que miden a súa destreza verbal e poñen a andar a todo o mundo. Pero antes diso, os correos anuncian a súa chegada e as veciñas e veciños agasállanos con bebida e comida. Os xenerais van de porta en porta dando as vivas: palabras cheas de desexos de vida para cada familia. Tras eles van as comparsas, o coro de bonitos (de nenas e nenos) e o coro de vellos (de adultos).

Desde A Estrada, pasando por Silleda e acabando en Vila de Cruces, o entroido rural de Pontevedra fai que esta sexa unha boa época para coñecer estes lugares. Camelias en flor, lamprea do Ulla, cocido galego… Din que quen proba repite unha e outra vez.

Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Inverno Inverno
Onde...
Icono Interior Norte Interior Norte