
Regreso ao medievo
Vestirse de época é condición sine qua non para gozar as festas históricas e sobre todo para que as persoas encargadas da súa organización che dediquen un xesto de aprobación. Baiona, Pontevedra e Agolada viaxan ao pasado e convídante a visitalas e a coñecer como se vivía nestas localidades aquel período histórico.
Por orde cronolóxica a primeira celebración de carácter histórico do ano é a da Arribada en Baiona. Esta vila foi o primeiro lugar de Europa no que se tivo coñecemento do Descubrimento de América. Por este motivo, cada ano, durante a primeira fin de semana de marzo, celébrase a Arribada, festa declarada de interese turístico internacional en 2015, na que se conmemora a chegada da carabela Pinta. O casco antigo da vila, conxunto histórico-artístico, énchese de máis de 400 postos dedicados a continuar a tradición hospitalaria coa que a tripulación da carabela lembrou a súa chegada a terra e así ofrecerlles ás persoas visitantes manxares e doces típicos da zona. Algúns, como é o caso da torta de Sarmiento ou os famosos ñoclos, sobremesa de orixe xudía, xa son produtos oficiais da festa. As xustas, a exhibición de cetrería, os combates de esgrima ou o campionato de tiro con arco converten a Baiona nun gran escenario medieval, ao que axuda que a maior parte das súas visitas acudan vestidas de época.
Uns meses despois, en agosto, o municipio de Agolada celebra o seu gran mercado. O lugar no que se sitúa é en si mesmo un tesouro do patrimonio arquitectónico galego, coma os hórreos e os muíños. Trátase dos pendellos, construídos con madeira, tella e pedra, unha especie de alpendres que funcionan á maneira dun posto de venda de mercado. Levantados no século XVIII, ao redor deste mercado xiraba toda a economía da zona. Está situado no centro urbano e foi declarado conxunto histórico-artístico. Visitalo calquera día do ano é unha viaxe no tempo por si soa pero se se pode gozar da actividade que se vive nel a experiencia resultará moito máis satisfactoria.
Pan de millo, queimada ou lacón, entre outros, son algúns dos produtos que se poden degustar nas paradas obrigatorias entre os postos de artesanía. O salto no tempo pode facerche retroceder uns séculos máis cara atrás se visitas os arredores: as igrexas románicas de Santa María de Ventosa, do século XIII, e a de San Pedro de Vilanova de Dozón, do ano 1154.
Xa na primeira fin de semana de setembro, na cidade de Pontevedra poderás vivir o encanto dunha feira medieval, a Feira Franca, declarada de interese turístico de Galicia e que recrea con rigor os mercados da época. O rei Enrique IV concedeulle no ano 1467 á vila de Pontevedra o privilexio de celebrar un mes enteiro de mercado libre de impostos, coincidindo a festividade de San Bartolomeu en metade dese mes. A pesca e o comercio foron ata o século XVI os motores do poder económico de Pontevedra, que pode verse representado na construción naquel século da basílica de Santa María a Maior, fomentada polo poderoso Gremio de Mareantes.
Máis de 100.000 persoas achéganse a Pontevedra desde 1999 para gozar dunha comida ao aire libre polas rúas da cidade. Unhas 250 son as mesas fixadas nas que os grupos de amizades e familias degustan un menú inspirado na época medieval. Desde o venres á tarde, momento no que as persoas encargadas do pregón dan por comezada a feira, as actividades e espectáculos se suceden, sendo o sábado o día grande, coa exposición dos oficios tradicionais, o transporte do viño, e o gran banquete no que se converte o centro histórico e os seus arredores. O cumprimento respecto das normas de decoración dos postos e mesas debe ser rigoroso, á fin e ao cabo, conseguir un lugar é algo moi disputado as semanas anteriores.
Actuacións musicais, competicións deportivas da época e o torneo medieval que se realiza na praza de touros e que completa a súa capacidade todos os anos son os momentos álxidos desta xornada.