Mergúllate nos bosques de interior
O interior de Rías Baixas conserva espazos naturais no seu estado máis puro con aldeas tradicionais que farán as delicias de calquera visitante. Rutas nas que te deberás introducir sen reloxo e sen hora de regreso.
O municipio de Vila de Cruces é coñecido principalmente pola súa Festa do Galo de Curral. Esta forma parte da Rede Europea de Patrimonio Gastronómico debido á utilización de produtos locais e á promoción da cociña tradicional, coa característica de que se empregan galos criados ao aire libre e alimentados de maneira totalmente natural.
Para non perder de vista esa sensación de liberdade, a visita pode completarse coñecendo varios lugares no medio da natureza. O encoro de Portodemouros, na conca do río Ulla, ten unha capacidade de case 300 hm3 e un tamaño tal que baña catro concellos. Alí mesmo podes achegarte ás seis illas de Gres, uns illotes formados polo río Ulla, unidos por pasarelas, polos que as persoas visitantes acceden a unha zona de descanso xunto ao río.
O lugar dos Sobreirais do Arnego tamén ten que ver co río e co bosque. O Arnego, afluente do Ulla, ten un dos bosques mixtos mellor conservados, formado por carballos e sobreiras, presentes só en vales fluviais ben abrigados. O val de Carmoega, no municipio de Agolada, cun sendeiro de muíños, é un lugar idóneo onde se pode practicar a pesca. Ademais, conta cunha área recreativa.
En Silleda agárdate a maxia do románico escondida nunha fraga galega; desde a fervenza do río Toxa poderás gozar do percorrido polo sendeiro que leva ao mosteiro de Carboeiro. Debido á súa importancia natural este espazo forma parte do Lugar de Importancia Comunitaria Sistema Fluvial Ulla-Deza. Durante seis quilómetros descéndese ao pé da fervenza, cruzando unha ponte de ferro pola que se chega á localidade de Merza. Deixando atrás a praia fluvial da Carixa e o lugar da Portela, chegarás a unha calzada medieval e á ponte romana coñecida como ponte do demo. Unha vez en San Lourenzo de Carboeiro poderás deleitarte cunha das mellores mostras de arte románica oxival.
Entre Tabeirós e Deza existen unhas marismas cheas de turbeiras: as Brañas de Xestoso, área protexida Rede Natura, nas que destaca a lagoa sacra, un prado cheo de zonas húmidas que secan no verán, onde viven réptiles, anfibios, falcóns, aguias, raposos ou lobos. O máis curioso deste enclave é a lenda que di que a lagoa foi amurallada tras unha batalla na que numerosos mortos foron guindados á auga, procedendo á instalación dun muro para evitar que fosen profanados.
A vida e os coñecementos das aldeas galegas é algo que se trata de protexer como o máis prezado tesouro, pois cada vez son menos os lugares onde se manteñen as tradicións e certos oficios que están a desaparecer por falta de xeracións que os substitúan. En Doade, Lalín, existe un lugar chamado A Casa do Patrón, onde se trata de revalorizar e dar a coñecer todo este valor etnográfico e o acervo popular dunha rexión. En dous mil metros cadrados e con máis de catro mil pezas este museo fai un repaso tanto de como eran as vivendas antigamente coma do día a día nunha aldea, desde a escola das nenas e nenos ata os labores agrícolas, oleiros, de carpintería, de cantería ou de cestería entre outras.