Patrimonio Arquelógico
Buscador

Doces da terra

A terra foi máis que xenerosa coas Rías Baixas; os produtos de calidade que ofrece dan lugar a verdadeiras exquisiteces no ámbito da repostería, desde sobremesas típicas, coma as filloas ou as rosquillas, ata produtos de excelente factura e sabor único coma o mel de Galicia. Ademais destes doces podemos atopar outros manxares máis naturais entre os que se atopan diversas froitas, como as mazás ou os mirabeis.

Sobremesas típicas

Filloas

Dentro da carta de sobremesas da provincia de Pontevedra un dos máis populares son as características filloas, similares ás afamadas crêpes francesas, que tradicionalmente se elaboran a base de fariña, leite e ovos. A esta receita tamén se lle pode engadir sangue de porco, cun resultado delicioso. As filloas son doces, a diferenza das crêpes, e poden aderezarse con azucre, mel ou chocolate, e mesmo acompañarse de marmelo ou castañas cocidas.

Este produto gastronómico típico da sobremesa en Galicia cocíñase especialmente en datas como o Entroido ou a matanza do porco (San Martiño). As filloas elaboradas na parroquia de Valongo (Cercedo-Cotobade) son moi coñecidas, pois desde hai case 40 anos celébrase na súa honra a Festa da Filloa.

Melindres

As chulas, outra sobremesa típica galega, moi popular en Pazos de Borbén, son moi similares ás filloas en canto aos seus ingredientes, pero o paso final da súa elaboración, non obstante, é moi distinto, xa que a mestura se frite en abundante aceite.

As filloas son típicas do Entroido nas Rías Baixas, pero as rosquillas e os melindres de Ponteareas, con máis de 100 anos de historia, son outros doces tradicionais que non faltan en ningunha festa, romaría ou calquera cita popular. Nos seus inicios estes produtos artesanais só se vendían en feiras, festas e romarías, pero actualmente pódense adquirir durante todo o ano en confeiterías e pastelerías.

Silleda é un dos berces destes dous produtos reposteiros protagonistas das romarías tradicionais galegas. As rosquillas da parroquia de Abades elabóranse de maneira artesanal desde hai máis dun século, e desde hai 30 anos organízase alí unha festa na honra deste doce cada Domingo de Pascua. Tamén Gondomar conta cunha longa e próspera tradición rosquilleira.

Rosquillas

Desa mesma tempada é precisamente o bolo de Pascua, tamén coñecido como bolo de ovos, un pan enfornado con ovos crus enteiros que se elabora nas comarcas do Salnés e de Caldas. Era un costume típico desta época que os padriños lles regalasen ás súas afilladas e afillados o bolo e as madriñas a rosca.

O roscón de xema da Guarda é un exquisito doce tradicional impulsado a mediados dos anos 60 polas panaderías e pastelerías da zona do Baixo Miño. A masa desta deliciosa sobremesa é un esponxoso brioche que se enche con xema confeitada. Moi diferente, aínda que comparten nome, é o roscón de Caldas de Reis. Os ingredientes deste doce típico, cuxo proceso de elaboración pode durar máis de 6 horas, son: azucre, manteiga, ovo e fariña.

O último que vos presentamos é a vincha ou bandullo, unha sobremesa propia da comarca de Tabeirós-Terra de Montes que se atopa en perigo de extinción. Elabórase no interior da vexiga do porco, previamente inflada e curtida, onde se coce unha mestura de ovos, leite, canela, limón, noces, azucre, pan e manteiga. A descrición pode sorprender, pero o resultado é delicioso.

Produtos

Miel

O mel de Galicia é un produto natural que se produce de forma artesanal desde outros tempos. O clima das Rías Baixas, especialmente benevolente e suave con influencia directa do mar, dá lugar a unha flora rica e variada que permite a produción tanto de mel monofloral como dun abanico de meles de milflores. Os apiarios adoitan ser pequenos e artesáns, coidados co maior mimo e esmero, conseguindo unha calidade de primeira.

Na provincia de Pontevedra, nas terras montañosas das Neves, bañadas polo río Miño, ou nas da parroquia lalinense de Zobra, inmersa na serra do Candán, fabrícase un mel de excelente calidade, protexido baixo a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Este doce e exquisito néctar pode acompañar o requeixo ou os froitos secos e conformar unha sobremesa típica moi saudable. En Baiona, o mel e as noces convértense nos produtos estrela durante a popular romaría de San Cosme e San Damián.

O gando vacún que nace nos verdes pastos do interior da provincia, criado ao aire libre e alimentado a base de produtos naturais, é a orixe dun leite de calidade única, o ingrediente primordial do requeixo que se elabora de forma sinxela e tradicional, coma o das Neves ou o de Cotobade.

Queso
Nueces

Que os extensos prados e campos da provincia de Pontevedra ofrecen auténticos tesouros para o padal é unha realidade. Por todo o seu territorio esténdense unha gran variedade de árbores froiteiras que producen os doces da natureza, as froitas. No norte da provincia, A Estrada conta cunha ampla tradición de produción de mazá e sidra que se remonta á Idade Media.

Nos últimos anos a industria da mazá e da sidra, o ouro líquido da Estrada, sufriu un notable crecemento, consolidando un sector con tirón que hoxe en día conta con máis de 30 firmas de elaboración de sidra ecolóxica. Produtoras e produtores, tanto locais como foráneos, reúnense a primeira fin de semana de xuño na localidade dezana para celebrar a Festa da Sidra.

Tamén é relevante a produción de mazá en Marín. Esta localidade da península do Morrazo conta con máis de 30 variedades de mazás autóctonas utilizadas para a elaboración da sidra. Esta diversidade de materia prima confire á súa sidra un sabor único e moi característico. O día de Santo Tomé de Piñeiro, a principios do mes de outubro, réndeselle homenaxe.

Sidra
Sidra

Este percorrido lévanos ao sur da provincia de Pontevedra, onde podemos atopar múltiples variedades de árbores froiteiras, con froitas alóctonas como os kiwis ou os mirabeis e autóctonas como as cereixas. Tomiño goza de ser o maior municipio da provincia en número de plantacións de kiwi. Esta froita chegou de Nova Zelandia e máis da metade da súa produción en España provén de Galicia, especialmente do sur da provincia.

A cerdeira converteuse sen dúbida no emblema da parroquia de Beade (Vigo). Esta árbore é tan característica do lugar que moitas veciñas e veciños teñen unha nos seus xardíns. O tradicional cultivo de cereixa en Beade é de vital importancia para a economía de moitas familias desta parroquia e a variedade máis común é a denominada "picuda", unha cereixa pequena, con forma de corazón, doce e moi saborosa.

A beira do río Miño, fronteira natural con Portugal, atópase O Rosal, fogar desde hai décadas do mirabel. Esta froita dourada chegou ás Rías Baixas desde a Selva Negra alemá, onde se produce desde 1935. O mirabel, un primo da ameixa, é unha exquisitez gastronómica difícil de atopar fóra de Galicia como produto fresco debido á súa escasa durabilidade.