Patrimonio Arquelógico
Buscador

Indicacións xeográficas protexidas

  • TERNERA GALLEGA
    1. TENREIRA GALEGA Certifica os produtos obtidos de gando das razas rubia galega, morenas do noroeste, os cruces entre estas e determinados cruces destas con outras razas. A IGP ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente de animais nacidos, criados e sacrificados en Galicia.

    Zona xeográfica

    A súa área de produción e sacrificio circunscríbese a todo o territorio galego. A cría de vacún na provincia de Pontevedra realízase en Agolada .
  • GRELOS DE GALICIA
    2. GRELOS DE GALICIA Defínese como a parte destinada ao consumo humano procedente de plantas da especie Brassica rapa L. var. Rapa (comunmente coñecida como nabo), das variedades correspondentes aos ecotipos de Santiago de Compostela e Lugo. A denominación “grelos” fai referencia ás follas e talos recollidos ao longo do período vexetativo da planta.

    Zona xeográfica

    A zona de produción , transformación e envasado comprende toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
  • AGUARDIENTES Y LICORES TRADICIONALES DE GALICIA
    3. AUGARDENTES E LICORES TRADICIONAIS DE GALICIA As Denominacións Xeográficas Augardente de Herbas de Galicia, Licor Café de Galicia e Licor de Herbas de Galicia protexen as bebidas espirituosas tradicionais elaboradas a partir das augardentes amparadas pola Denominación Xeográfica Orujo de Galicia.

    Zona xeográfica

    Ampara a augardente elaborada a partir de bagazos de viño recolleitos nos viñedos situados no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia. En Pontevedra as subzonas son Rías Baixas e Ribeira do Ulla.
    Os municipios de Pontevedra onde se elaboran augardentes baixo a denominación Orujo de Galicia son Cambados, Ribadumia, Meaño, Arbo, O Rosal, Ponteareas, Meis e Tomiño.
  • CASTAÑA DE GALICIA
    4. CASTAÑA DE GALICIA A indicación resérvase para os froitos obtidos a partir dos cultivos autóctonos galegos de castiñeiro europeo (Castanea sativa, Mill.) destinados ao consumo humano e comercializados en fresco ou conxelado. O seu sabor é doce e conta cunha textura firme non fariñenta. Unha vez apañado, o froito terá entre o 50 e o 60 % de humidade.

    Zona xeográfica

    Na provincia de Pontevedra as zonas de recolección son as comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e de Deza e os municipios de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Campo Lameiro e Cuntis.
  • LACÓN GALLEGO
    5. LACÓN GALEGO A Indicación Xeográfica Protexida Lacón Galego, que se refire ás extremidades dianteiras do gando porcino unha vez curadas, protexe este produto tradicional.

    Zona xeográfica

    Tanto a zona de produción como a de elaboración comprenden toda a Comunidade Autónoma de Galicia. En Pontevedra a zona de cría do porco esténdese pola comarca de Deza , en especial o municipio de Lalín .
  • MIEL DE GALICIA
    6. MEL DE GALICIA Segundo a súa orixe botánica clasifícase en: mel multifloral, mel monofloral de eucalipto, mel monofloral de castiñeiro, mel monofloral de silva e mel monofloral de breixo.

    Zona xeográfica

    A zona de produción, procesado e envasado dos meles amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia abarca todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Os municipios produtores en Pontevedra son Lalín e As Neves.
  • TARTA DE SANTIAGO
    7. TARTA DE SANTIAGO É un doce tradicional galego cuxos compoñentes básicos son améndoa (≥ 33 %), azucre (≥ 33 %) e ovo (≥ 25 %). A Torta de Santiago admite distintos tamaños e preséntase en forma redonda, cuberta con azucre glas e cunha figura da Cruz da Orde de Santiago como sinal típico de identidade. Ao corte ten unha cor dourada, con sabor a améndoa e unha textura esponxosa e granulada.

    Zona xeográfica

    O ámbito xeográfico da Indicación Xeográfica Protexida Torta de Santiago abarca a totalidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • RIBEIRAS DO MORRAZO
    8. RIBEIRAS DO MORRAZO Os viños desta indicación xeográfica protexida son brancos e tintos con aromas francos, nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez.

    Zona xeográfica

    O ámbito xeográfico da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo abarca os concellos de Cangas, Bueu, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa.
  • VIÑOS DA TERRA: TERRA DE BARBANZA E IRIA
    9. VIÑOS DA TERRA: TERRA DE BARBANZA E IRIA Os viños obtidos son lixeiros, limpos, brillantes e ben cubertos de cor na fase visual; con aromas francos nos que se aprezan as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas; na boca son suaves, frescos, saborosos e equilibrados e, finalmente con pequenos toques de acidez.

    Zona xeográfica

    A área de produción desta denominación está constituída polos terreos aptos para a produción de uva nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Na demarcación pontevedresa abarca Catoira, Valga e Pontecesures.
  • PATATAS DE GALICIA
    10. PATATAS DE GALICIA O produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IGP) Pataca de Galicia defínese como os tubérculos da especie Solanum tuberosum L., das variedades cultivadas kennebec, agre e fina de Carballo, destinados ao consumo humano. A primeira mención do cultivo da pataca en Galicia é de data temperá: antes de 1607 foran sementadas na horta do mosteiro de recoletos de Herbón.

    Zona xeográfica

    A área de produción e envasado do produto desta indicación xeográfica protexida abarca a Comunidade Autónoma de Galicia.
  • PAN GALLEGO
    11. PAN GALEGO O pan galego é un pan de cortiza dura e crocante, esponxoso e irregular que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte procede de trigos cultivados en Galicia de variedades e ecotipos autóctonos galegos (os comunmente denominados "trigo país" ou “trigo galego”). A súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e unha elevada cantidade de auga, ademais de polos longos tempos de fermentación e cocción.

    Zona xeográfica

    A indicación abarca toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Na provincia de Pontevedra son especialmente recoñecidos os pans elaborados no Porriño, Pontevedra, Soutelo de Montes (Forcarei) e a comarca de Deza .