cabecera_camelia
Buscador

A camelia na historia: icona literaria, flor fetiche de Coco Chanel e símbolo dos dereitos da muller

A camelia tivo un importante papel ao longo da historia en distintos campos. As referencias á flor das Rías Baixas e á provincia de Pontevedra na literatura universal son abundantes. Alexandre Dumas dedicoulle o título dun dos seus clásicos, A dama das camelias, e autores coma Rainer Maria Rilke, Rabindranath Tagore, Federico García Lorca, Octavio Paz, Efraín Huerta ou Vicente Blasco Ibáñez, entre moitos outros, exaltárona nas súas obras.

 

Arena del Sur caliente    
que pide camelias blancas.
Llora flecha sin blanco,
la tarde sin mañana,
y el primer pájaro muerto
sobre la rama.
¡Oh guitarra!
Corazón malherido
por cinco espadas.

 

"La guitarra", de El poema de la siguiriya gitana, de Federico García Lorca

 

Area do Sur quente

que pide camelias brancas.

Chora frecha sen branco,

a tarde sen mañá,

e o primeiro paxaro morto

sobre a rama.

Oh guitarra!

Corazón ferido

por cinco espadas.

 

Os escritores e poetas galegos máis recoñecidos tamén apreciaron a súa gran beleza: Camilo José Cela, Ramón María del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Celso Emilio Ferreiro, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, Uxío Novoneyra, Francisco Fernández del Riego ou Luz Pozo Garza.

 

Por debaixo do mar soa un pandeiro

e hai un río de luz asulagado.

Por enriba do mar soa unha frauta

e hai unha rúa de camelios brancos.

Viñen ao sul,

viñen aos ceos craros

Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro

 

A beleza, variedade e riqueza cromática da flor inspirou tamén no Xapón os autores dos haikus, poemas breves, sen título nin rima; a camelia foi obxecto dalgunhas das mellores creacións deste xénero. O escritor Maximino Cacheiro publicou este ano un poemario de haikus, As Camelias acesas (Ed. Cardeñoso), ao que pertence este fragmento:

 

Soñar coa camelia roxa,

É avivecer a memoria

É darlle vida á vida

 

As camelias esfóllanse

a cor expándese

mensaxe romántica

 

A camelia foi, ademais, elemento de culto, tivo diferentes significados como símbolo e protagonizou anécdotas ao longo da historia. Estas son algunhas curiosidades e episodios nos que a flor xogou un papel central:

Retratos da realeza

Franz Xaver Winterhalter (1820-1873) foi o pintor de moda entre a realeza en Europa durante o s. XIX. Especializouse en retratos dinásticos e aristocráticos, moi apreciados polo seu sutil intimismo. O rei Luís Filipe de Francia nomeouno pintor da Corte e, como tal, é autor de numerosos cadros de princesas e damas de sociedade ás que adoitaba adornar con flores que case sempre eran camelias, como é o caso dos retratos de María Amalia de Braganza; María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, raíña de España; as primas raíña Vitoria e Vitoria, duquesa de Nemours; María Amalia de Portugal; e os retratos da emperatriz Isabel de Austria (Sissi).

 

O abolicionismo en Brasil

En Brasil, a finais do s. XIX, o comerciante portugués José de Seixas Magalhães tiña un terreo (Quilombo do Leblon) no que cultivaba flores de camelia con axuda de escravos fuxidos aos que daba refuxio. As famosas camelias, que logo vendía na cidade, convertéronse no símbolo do abolicionismo. Quen as levaba na lapela ou simplemente as cultivaba no seu xardín demostraba ser adepto á protesta antiescravista.

Isabel, princesa rexente do Brasil, coñecida como Isabel a Redentora, foi unha firme defensora da campaña abolicionista. Axudoulles ela mesma aos escravos a esconderse e loitar pola súa liberdade. En 1888, cando asinou a Lei Áurea (Lei Dourada do Brasil), o  presidente da Confederación Abolicionista, João Clapp, entregoulle un ramo de camelias artificiais. Máis tarde chegou outro ramo de camelias naturais traídas do Quilombo do Leblon.

Os célebres artistas brasileiros Caetano Veloso e Gilberto Gil dedicaron unha canción ás camelias do Quilombo do Leblon.

 

Dereitos da muller

Katherine W. Sheppart (1893) loitou en Nova Zelandia polos dereitos da muller. Os seus partidarios levaron unha camelia branca no ollal; os contrarios, unha vermella. Hai unha variedade de camelia que leva o seu nome. Tanto ela coma as camelias están representadas no billete de 10 dólares.

Entre os actos de coroación do rei Xoán Carlos I, o 27 de novembro de 1975, tivo lugar unha cerimonia na igrexa dos Xerónimos, en Madrid. Con ese motivo, o altar maior engalanouse "cunhas setecentas flores, todas brancas, caraveis, camelias, nardos e varas de gladíolos…".
I. F. Arias & E. Celada (2010). La trastienda de la diplomacia. Praza & Janés, Barcelona, p. 90

 

Flor fetiche de Chanel

Coco Chanel (Grabrielle Bonheur), a gran deseñadora do s. XX, converteu a camelia na súa flor fetiche desde aquel día no que o amor da súa vida, Arthur Boyle Capel, lle regalou unha camelia.

Nunha ocasión un xornalista preguntoulle a Marilyn Monroe qué levaba posto na cama e ela contestou: Chanel Nº 5.

Matusalén das camelias, en Vigo

Hubert B. Owens, arquitecto de Xeorxia que visitou o Pazo Museo Quiñones de León, en Vigo, en 1961, declarou: "...foi aquí onde vin a máis grande e antiga árbore de camelias que atopei xamais. No lado leste do gran parterre de buxos atópase este exemplar de árbore, cuxo tronco ten 60 cm de diámetro ao nivel da terra. Debe de ter máis de douscentos anos. Non puiden determinar o nome da variedade. A vista deste Matusalén da raza de camelias conmoveume realmente".