cabecera_camelia
Buscador

Ruta da Camelia. Xardíns evocadores en Pontevedra

Ver se son máis brancas ou máis avermelladas. Quizais máis rosadas. Comprobar se teñen aroma ou non. Descubrir, neste último caso, que se trata dunha variedade de Camellia japonica. Mentres tanto, deixarse seducir por unha historia tan grande que custa imaxinala dunha simple ollada.

Parte da beleza dos nosos románticos xardíns gózase cando nos perdemos entre pedras, plantas coma o buxo, a magnolia e, sobre todo, a camelia, sempre coa melodía da auga de fondo. Neles o paseo discorre entre as plantas máis altas do mundo –o pazo de Lourizán  loce o exemplar de camelia de maior altura de toda Europa– ou as de maior perímetro –neste caso, son os xardíns de Soutomaior  os que albergan a árbore de camelias con maior diámetro de copa–. Con todo, a súa grandeza parece distanciarse de todas as unidades de medida cando o que está sobre a balanza é o grande interese turístico, histórico e artístico da coñecida como flor das Rías Baixas.

Foi a partir de mediados do século XX cando as camelias se popularizaron en todos os xardíns e rúas da rexión. Nos xardíns pontevedreses, cultivados polo esmero e regados pola dedicación, o visitante pode achegarse á beleza dunha planta que florece mentres todas as súas veciñas parecen durmir. Súa é a tarefa de encher de luz as xornadas con menos sol. E conségueo.

Enmarcados na Ruta da Camelia, Pontevedra acolle xardíns convertidos en auténticos paraísos botánicos: o castelo de Soutomaior, o parque do Castro, o pazo de Lourizán, o pazo de Oca, o pazo de Rubianes, o pazo da Saleta, o pazo Quinteiro da Cruz, o pazo de Gandarón ou os xardíns do parque Quiñones de León propoñen un itinerario cuxa idiosincrasia ten cor, aroma, pero tamén sabor –o do té e aceite que, cada ano, se elabora coa flor que Oriente lle regalou a Occidente– ou tacto –o xabón de camelia recoñécese como un hidratante de gran poder–. Vista, olfacto e gusto son os grandes vitoriosos deste itinerario.

Esta é a viaxe que propón a Ruta da Camelia nas Rías Baixas. Pero empecemos polo principio: o itinerario levaranos do norte ao sur da provincia. Anota estas paradas:

  1. Pazo de Oca
  2. Pazo de Rubianes
  3. A Saleta
  4. Pazo de Lourizán
  5. Castelo de Soutomaior
  6. Parque do Castro
  7. Pazo Museo Quiñones de León (Castrelos)
  8. Pazo Quinteiro da Cruz
  9. Pazo de Gandarón