cabecera_camelia
Buscador

Pazo de Gandarón

Un estoxo para xoias chegadas desde Francia ou Portugal

Atoparalo na parroquia pontevedresa de Salcedo. E as súas camelias atoparante a ti. Rehabilitados recentemente, os seus xardíns son estoxos de xoias botánicas coma  Camellia japonica ‘Prince Eugene Napoleon', que tantas veces paseou as rúas de Pontevedra na lapela de Antonio Odriozola, ou as flores perfectamente imbricadasFederici', ‘Fimbriata', ‘Malvar' ou ‘Alba Plena'. Proceden, os seus exemplares, de moi diversos países. Destaca Portugal ou Francia, de onde chegaron espécimes que hoxe contribúen a embelecer un dos espazos máis máxicos das Rías Baixas.

Entre as camelias, coníferas, magnolias ou palmeiras, destaca Araucaria bidwillii, incluída no catálogo de árbores singulares de Galicia.

Este espazo e o seu pazo, construído polo arcebispo Malvar a finais do século XVIII, é, desde 1928, sede da Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas. Segundo os datos dispoñibles, a estrutura orixinal do xardín é do século XIX, época a partir da cal sufriu distintas remodelacións. As súas fontes, estanques, hórreo, capela –hoxe museo– ou cenador cóntanse entre os elementos máis significativos deste espazo, que conserva o seu estilo orixinario. Todo iso enmarca unha experiencia cargada de romanticismo nun espazo que se encarga de coroar un amplo hórreo de 22 pés. De estilo barroco, neste pazo das Rías Baixas moi próximo a Pontevedra destacan os seus balcóns e chemineas, de estilo francés.