Patrimonio Arquelógico
Buscador

Patrimonio Arqueolóxico: Somos Historias

Castros, gravados rupestres, mámoas, dolmens… As pegadas das persoas que na antigüidade habitaban as Rías Baixas esténdense pola costa e o interior da provincia de Pontevedra enmarcados en fermosas paisaxes, trazando unha viaxe milenaria no tempo que seduce a quen visita este destino.

Yacimiento de A LanzadaXacemento da Lanzada

Os poboados fortificados en impoñentes lugares como Santa Trega, co océano Atlántico e o estuario do río Miño aos pés, transportan as e os viaxeiros á época prerromana, mentres na Lanzada, tamén nun enclave privilexiado, emerxen os vestixios dun antigo emporio de intercambio comercial coas culturas mediterráneas. O Facho desprega ante nós a grandiosidade das illas Cíes, coñecidas en todo o mundo, mentres o castro da Idade do Ferro e o antigo santuario gardan unha historia de enorme riqueza e son testemuñas mudas do espectáculo visual.

Enigmáticos petróglifos como o de Mogor en Marín, á beira dunha praia idílica, ou os de Campo Lameiro, a maior concentración de arte rupestre ao aire libre de Europa, suscitan preguntas sobre o significado destes gravados Marcas territoriais? Ritos de fertilidade? Representacións astrais? A dúbida persiste. Estes evocadores gravados forman parte xa da identidade deste destino e da paisaxe das Rías Baixas.

Mámoas e dólmentes, monumentos funerarios

Mámoas e dolmens, monumentos funerarios, trasládannos aínda máis lonxe, ao Neolítico. Construídos ao longo e ancho dos montes da provincia máis de cinco mil anos atrás, conservan aínda hoxe un aura de misterio e monumentalidade e constitúen puntos de referencia ideais para realizar rutas de sendeirismo polos ricos e variados espazos naturais desta zona.

Os centros arqueolóxicos da provincia de Pontevedra dan claves sobre estes monumentos e somerxen no pasado, a través das valiosas pezas recuperadas nos xacementos, a quen as visita. O Museo de Pontevedra custodia tesouros en pedra, bronce, ferro e cerámica rescatados do esquecemento tras permanecer enterrados durante séculos. O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro ou o Museo Arqueolóxico de Santa Trega (Masat) da Guarda abren tamén unha ventá á cultura, á sociedade e aos hábitos do pobo galaico.

Visitar o patrimonio arqueolóxico da provincia constitúe unha experiencia única onde a historia, a lenda e a maxia da paisaxe conviven en perfecta harmonía.

Castro de Santa TregaCastro de Santa Trega
Petroglifos en MogorPetroglifos en Mogor