Fiestas en Rías Baixas

Patrimonio

Xacementos

A pegada do pobo galaico

Fermosas paraxes gardan un rico legado milenario

Gravados rupestres, mámoas, dolmens, castros… As pegadas de quen habitaba As Rías Baixas antes da nosa era esténdense pola costa e o interior da provincia de Pontevedra enmarcadas en fermosas paisaxes, trazando unha viaxe milenaria que combina historia, lenda e maxia.

Os poboados fortificados en impoñentes lugares como Santa Trega, co océano Atlántico e o esteiro do río Miño aos pés, transportan a quen o visita á época prerromana. En A Lanzada, tamén nun lugar privilexiado, emerxen os vestixios dun antigo emporio de intercambio comercial co Mediterráneo. O Facho, co seu castro da Idade do Ferro e o seu antigo santuario, desprega ante nós a grandiosidade das illas Cíes e das Ons.

Monte do Castro RibadumiaMonte do Castro en Ribadumia

O poboado fortificado de Castrolandín, moi próximo ao centro da vila termal de Cuntis, data de finais da Idade de Ferro e estivo habitado entre o século IV a. n. e. e o século I d. n. e. Vinculado ao xacemento está o Centro de Interpretación da sede da Fundación Terra Termarum, que mostra a forma de vida castrexa e no que se imparte un obradoiro de cerámica tradicional.

Enigmáticos petróglifos coma o de Mogor en Marín, á beira dunha praia idílica, ou os de Campo Lameiro, a maior concentración de arte rupestre ao aire libre de Europa, suscitan preguntas sobre o significado destes gravados. Marcas territoriais? Ritos de fertilidade? Representacións astrais? A dúbida persiste. Estes evocadores gravados forman parte xa da identidade deste destino e da paisaxe das Rías Baixas.

Laberinto Centro Arqueológico Campo Lameiro

Misteriosos labirintos

Quen os gravou? Cal é o significado destes enigmas? Como foron descubertos? Campo Lameiro agocha un tesouro de transcendencia internacional, datado na Idade de Bronce. No Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) atopamos a maior concentración de figuras de arte rupestre ao aire libre de Europa.

Mámoas e dolmens, monumentos funerarios, trasládannos aínda máis lonxe, ao Neolítico. Foron levantados polas e polos antigos poboadores nos montes da provincia fai máis de cinco mil anos e conservan intacta a súa aura de misterio e monumentalidade, coma os de Chan de Arquiña, Chan de Armada ou Chan de Castiñeiras, ideais para realizar fantásticas rutas de sendeirismo.

YacimientosCaldeiro do Monte do Castro
YacimientosDepósito de Saiáns
YacimientosPlato con representación do sacrificio de Isaac
YacimientosAskós, castro de Alobre

Os museos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra dannos claves sobre estes monumentos e trasládannos ao pasado, a través das valiosas pezas recuperadas nos xacementos. O Museo de Pontevedra custodia tesouros en pedra, bronce, ferro e cerámica rescatados do esquecemento tras permanecer enterrados durante séculos. O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro ou o Museo Arqueolóxico de Santa Trega (Masat) da Guarda abren tamén unha ventá á cultura, á sociedade e aos hábitos do pobo galaico.