Patrimonio Arquelógico
Buscador

Galaicos

CastrolandínCastrolandín

A historia das Rías Baixas desde finais da Idade do Bronce (1800-1500 antes de nosa era) ata o século VI, en tempos da provincia romana de Gallaecia, condénsase en Galaicos. Un pobo entre dous mundos, unha exposición que desentraña aspectos chave da sociedade e a cultura dese período a través de valiosas pezas rescatadas nos xacementos. Un relato enmarcado nunha fermosa paisaxe e que coñecerán as miles de persoas que pasen polo Museo Arqueológico Nacional, o Museo de la Prehistòria de València e o Museo de Pontevedra no percorrido itinerante desta ambiciosa mostra ata 2020.

Galaicos , un proxecto impulsado pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas, revela a conexión entre os pobos atlánticos e mediterráneos mediante os intercambios comerciais, en contraposición á idea común de que o noroeste peninsular era un territorio illado. A expansión fenicia na transición do segundo ao primeiro milenio antes da nosa era marcou o punto de partida destes contactos, que comezaron a ser fluídos a partir do século V a. n. e., cando as Rías Baixas entran a formar parte dos circuítos comerciais de longo percorrido controlados primeiro por cartaxineses e, posteriormente, gadiritas.

Dez institucións galegas achegan os 60 obxectos arqueolóxicos que reúne Galaicos: o Museo de Pontevedra, o Museo Arqueolóxico de Santa Trega (A Guarda), o Museo Quiñones de León (Vigo), o Museo do Mar de Galicia (Vigo), o Museo Massó (Bueu), o Museo Provincial de Lugo, o Museo das Peregrinacións de Santiago, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón (A Coruña) e o Museo Arqueológico de Asturias.

Depósito de SaiánsDepósito de Saiáns
Monte do Castro (Ribadumia)Monte do Castro (Ribadumia)

Restos orixinais, réplicas, fotografías, ilustracións de gran calidade e recursos audiovisuais compoñen a exposición, complementada e ampliada coa guía publicada, coeditada por Alvarellos Editora e a Deputación de Pontevedra, e coa web de Galaicos , xa en funcionamento, na que se facilitará información sobre a mostra e as súas novidades ao longo do seu periplo. Este é o calendario do seu itinerario:

Museo Arqueológico Nacional (Madrid) : do 1 de novembro de 2018 ao 3 de febreiro de 2019.

Museo de la Prehistòria de València : do 3 de marzo ao 8 de setembro de 2019.

Museo de Pontevedra : do 4 de outubro de 2019 ao 2 de febreiro de 2020.

Visita Galaicos e déixate seducir pola maxia da historia e a paisaxe da provincia de Pontevedra!