Patrimonio Arquelógico
Buscador

Petróglifos

Os petróglifos das Rías Baixas, pisadas en pedra a través do tempo, permanecen como un rastro indeleble que nos vincula coa historia dos nosos devanceiros. Se Galicia alberga unha das coleccións de arte rupestre ao aire libre máis relevante da península ibérica, podemos considerar a provincia de Pontevedra como a arcadia destes gravados en pedra debido á gran concentración que presenta.

O conxunto do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro é considerado un dos tesouros da provincia. Está formado por nove escalas con murais en roca natural nos que os nosos antepasados representaron escenas de caza, misteriosos labirintos, armas e outras imaxes. Un pequeno panel en cada unha destas estacións sérvenos de guía para diferenciar as liñas gravadas pola man do ser humano das da propia natureza.

Entre as súas nove estacións, unha delas unha fantástica recreación dun poboado, podemos distinguir os paneis da Laxe da Forneiriña, dos Carballos, dos Cabalos, do Outeiro dos Cogoludos, –dividido en dous–, das Ventaniñas , da Pena Furada e da Fonte da Pena Furada. Estas representacións inclúen motivos animais, como cérvidos ou cabalos, combinacións circulares e composicións de enigmáticos labirintos.

Desde este lugar podemos admirar unhas vistas espectaculares da cadea montañosa do sur da provincia ata a serra do Galiñeiro, ademais de visitar a exposición do edificio, con múltiples recursos multimedia que nos permiten coñecer a fondo a historia destes gravados en pedra.

Área arqueolóxica de TourónÁrea arqueolóxica de Tourón
Petroglifo de Montecelo de San SalvadorPetróglifo de Montecelo de San Salvador

Sen movernos de Campo Lameiro, a capital galega da arte rupestre, podemos descubrir outros petróglifos, coma o Campo de Matabois, no que destaca unha roca con cazoletas, círculos e puñais; ou o Outeiro de Chan da Lagoa, que representa unha escena de caza dacabalo na que participan dous xinetes, un deles cun arco apuntando a un cérvido.

Outeiro de Chan da LagoaOuteiro de Chan da Lagoa

En pleno litoral das Rías Baixas, concretamente en Marín, atópanse os petróglifos de Mogor,coñecidos en toda Galicia debido aos seus labirintos, moi pouco comúns nesta parte da península ibérica. Entre o conxunto de gravados podemos atopar desde cazoletas e espirais ata algún motivo de cérvidos. O máis popular é a Pedra do Labirinto de Mogor, grazas ás súas grandes dimensións, á súa complexidade e ao seu magnífico estado de conservación. Ademais de visitar o Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor, desde este marabilloso enclave gozaremos dunha magnifica vista da ría de Pontevedra.

Outro dos conxuntos rupestres de gran importancia na provincia é o da Área Arqueolóxica de Tourón. Situada no corazón do municipio de Ponte Caldelas, alberga un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares do territorio galego. Este recinto, de 15 hectáreas de extensión, conta con cinco estacións onde podemos visitar un número importante de gravados en pedra, ademais do Centro Arqueolóxico, para coñecer en profundidade a riqueza arqueolóxica que atesoura este complexo de arte rupestre.

Neste xacemento arqueolóxico podemos distinguir paneis que inclúen cazoletas, combinacións circulares e representacións zoomorfas. Tendo en conta a súa composición, o de Outeiro da Forcadela, cos seus círculos, é un dos gravados máis sinxelos, mentres que outros coma o da Laxedas Cruces, de formas xeométricas e naturalistas, ou o Naval de Mariño, que escenifica unha imaxe de caza, presentan unha maior complexidade.

Área arqueolóxica de TourónÁrea arqueolóxica de Tourón
Campo LameiroParque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

Ademais destas tres paradas obrigatorias, a provincia alberga de norte a sur un gran número de manifestacións de arte rupestre. A terra da anguía e a caña do país, Valga, descóbrenos o petróglifo da Pedra da Serpe, con grandes círculos concéntricos e un par de liñas serpenteantes, das que colle o seu nome. Moi preto deste lugar, o río Valga descende polo val formando dous grandes saltos de auga.

Petroglifos de CequerilPetróglifos de Cequeril

A próxima parada deste itinerario polos petróglifos da provincia lévanos ata Cuntis, onde, ademais de visitar o conxunto de arte rupestre de Cequeril, podemos descubrir un antigo poboado da Idade do Ferro, Castrolandín. Os petróglifos agrúpanse en tres conxuntos: o Outeiro dos Campiños, que presenta unha iconografía pouco común, e os dous da Laxe dos Homes, con escenas de figuras antropomórficas, deseños cuadrangulares e cruces.

Xa na Comarca do Salnés, os petróglifos dos Ballotes son probablemente os máis coñecidos da zona, localizados ademais nun lugar con fermosas vistas á ría de Arousa. Este conxunto pétreo combina elementos xeométricos e figuras de animais, entre as que se inclúen cérvidos e o que, segundo persoas expertas na materia, podería ser un xinete dacabalo. Non moi lonxe de alí, en Catoira, podemos visitar as torres de Oeste, catalogadas como Monumento Artístico Nacional.

Área Arqueolóxica de A CaeiraÁrea Arqueolóxica de A Caeira

No municipio de Meis, na comarca do Salnés, o Outeiro de Cribo inclúe representacións de labirintos e figuras de cérvidos. Este conxunto está próximo ao popular mosteiro de Santa María da Armenteira, inmerso na natureza do monte Castrove e que alberga un precioso claustro.

Ao leste da provincia de Pontevedra, en Cerdedo-Cotobade, a estación de Cerro do Lombo da Costa sobresae pola súa gran dimensión. Destacan a Laxe das Rodas, con combinacións de círculos e representacións de cérvidos; e a Laxe do Cuco, con figuras de cervos, composicións circulares e cazoletas. Nesta mesma zona, o conxunto de gravados rupestre de Fentáns presenta formas circulares, motivos zoomorfos e representacións humanas.

Contiguo á cidade de Pontevedra, na localidade de Poio , atópase o conxunto de arte rupestre da Área Arqueolóxica da Caeira. Neste espazo ao aire libre destacan as escenas de cérvidos e outros motivos zoomórficos en dous grandes paneis.

O primeiro, a Laxe das Lebres, trátase dun gran panel con representacións de cervos da Idade do Bronce en actitudes propias da época de celo, que constitúen o seu motivo central. O segundo, o petróglifo de Montecelo de San Salvador, alberga un conxunto de combinacións circulares. A situación privilexiada deste lugar bríndanos a oportunidade de gozar dunha fantástica panorámica da capital de Pontevedra e do río Lérez na súa unión coa ría.

Mergullados en plena serra da Groba, en Baiona, o Outeiro dos Lameiros constitúe un conxunto de gravados en pedra que inclúen principalmente motivos naturalistas, entre os que destacan os cabalos que discorrían por esta montaña de Val Miñor. Nesta visita a Baiona podemos gozar dun agradable paseo polas marabillosas rúas empedradas do seu centro histórico, declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico.

Yacimientos A CabeciñaXacementos A Cabeciña
Parque Arqueológico de Arte Rupestre de Campo LameiroParque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

Finalmente na comarca do Baixo Miño atopamos o xacemento arqueolóxico da Cabeciña, en Oia, tamén nas inmediacións da serra da Groba. Alberga, ademais dos petróglifos da Cabeciña, un castro, elevado 148 metros sobre o nivel do mar. Este fantástico conxunto de petróglifos presenta diversos motivos gravados como labirintos e círculos concéntricos, ademais doutros como cazoletas.

No municipio de Tomiño, o Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón presenta un conxunto de gravados en pedra concentrados en dúas estacións, Portaxes e Real Seco, que inclúen principalmente cazoletas, formas cuadrangulares, figuras animais e humanas, ademais de importantes combinacións de círculos concéntricos. Desde este espazo ao aire libre podemos contemplar unha magnifica panorámica de Val Miñor e do Baixo Miño.