cabecera_camelia
Buscador

Torres para deleitar os sentidos

A defensa e alarma fronte aos ataques inimigos era a principal función destas sobreviventes do patrimonio fortificado pontevedrés

Vivir unha experiencia multisensorial é máis doado se nos aventuramos a visitar algunha das torres que enriquecen o patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra. Impoñentes testemuñas do paso dos séculos e das continuas invasións e ataques aos que foron sometidas as terras das Rías Baixas, a súa supervivencia trasládannos a épocas de loitas de poder e fannos gozar de contornas paisaxísticas que enriquecen os nosos sentidos coa súa beleza e a riqueza da súa flora e fauna.

 

Torres de Oeste (Catoira)

Torres de Oeste (Catoira)

Baluarte de defensa fronte aos ataques inimigos desde a súa construción no século IX por orde de Alfonso V, e construída sobre o antigo asentamento castrexo de Castro das Torres (séculos II-I a. C.), o recinto das Torres de Oeste compúñase na súa orixe de sete grandes torres situadas a ambos os dous lados do río Ulla, das que hoxe só perviven dúas e unha capela, restauradas a partir de 1970 e catalogadas como Monumento Artístico Nacional. Na actualidade son sobre todo coñecidas porque todos os anos o primeiro domingo de agosto se celebra nas súas proximidades a Romaría Viquinga de Catoira, unha festa declarada de Interese Turístico Internacional na que se recrean a invasión e os enfrontamentos cos aldeáns e aldeás.

 

 

Torre de San Sadurniño (Cambados)

Torre de San Sadurniño (Cambados)

Situada no illote da Figueira no mariñeiro barrio cambadés de San Tomé, a construción da fortaleza remóntase ao século VIII ou IX d. C, aínda que só quedan en pé dous muros dunha torre coñecida como Torre de San Sadurniño pola veneración existente ao santo. Reconstruída polo arcebispo de Santiago Diego Xelmírez no século XI tras a destrución normanda, a súa función, debido á súa posición estratéxica, era defender a ría de Arousa e Compostela do ataque inimigo, avisando mediante sinais de lume ás fortalezas próximas como as Torres de Oeste ou A Lanzada. Pero o ataque irmandiño en 1467 primeiro e despois un terremoto que arrasou a Península en 1755 deixárona na súa actual situación.

 

 

Torre da Lanzada

Torre de A Lanzada

A Torre da Lanzada é o único que pervive dunha antiga fortaleza erixida sobre os restos dun faro fenicio ou romano polo bispo Sisnando no século X para defender a ría de Arousa. Xunto coas torres de Oeste e San Sadurniño conformaba un sistema defensivo fronte ás incursións viquingas e normandas, e foi escenario de batallas entre dona Urraca e o arcebispo Xelmírez ata a súa destrución a mans árabes no século XIII. Con posterioridade, foi reconstruída e novamente destruída finalmente despois de cinco días de resistencia irmandiña fronte aos ataques de Pedro Madruga e os seus aliados. Sitúase nas súas proximidades a capela da Lanzada, famosa por acoller un dos ritos de fecundidade máis antigos de Galicia.

 

 

Torre de alarma de Barciela (Forcarei)

Torre de alarma de Barciela (Forcarei)

Declarada en 1949 Ben de Interese Cultural (BIC), a Torre de alarma de Barciela, tamén coñecida como Torre da Alarma, Torre Vella ou Torre de Castrelo e cuxa orixe se remonta a finais do século XV ou principios do XVI, pertencía a unha antiga fortaleza destruída durante as revoltas irmandiñas en 1468. Cunha altura total de dez metros e destinada para resolver conflitos veciñais e avisos de ataques inimigos durante a invasión francesa e as guerras carlistas, consta de tres corpos: un rectangular cunha fornela, un segundo destinado a albergar campás e acender lume en sinal de aviso e un pequeno frontis final que antigamente conservaba un pináculo, xa desaparecido.

 

 

Torre de Cira (Silleda)

Torre de Cira (Silleda)

De orixe incerta aínda que as teorías sinalan a posible construción dunha fortaleza de mans de Bernardo Xoán de Deza no século XI e a súa reforma posterior por orde do conde Bermundo Suárez a comezos do século XII, baixo a autorización do todopoderoso arcebispo Xelmírez, a Torre de Cira tería na súa orixe uns doce metros. Testemuña dos enfrontamentos entre dona Urraca e a Igrexa compostelá e, tras pasar por diferentes propiedades nobiliarias, a revolta irmandiña do século XV e o paso do tempo reduciron a súa aparencia á que podemos contemplar hoxe en día.

 

 

Torre de Cálago (Vilanova de Arousa)

Torre de Cálago (Vilanova de Arousa)

Utilizada para sinalizar as incursións das embarcacións invasoras na ría de Arousa, a Torre de Cálago é o único que queda en pé dun antigo mosteiro fundado por San Frutuoso no século VIII, San Cibrán de Cálogo, vítima dos constantes ataques normandos e de Almanzor na súa incursión galega cara a Compostela. De planta cadrada e sen ornamentación, conserva restos de cantería que corresponderían á escaleira de subida e é boa mostra do armazón defensivo sobrevivente nas Rías Baixas dunha época de ataques e loitas constantes, cando este tipo de construcións de alarma eran indispensables.

 

 

Centro de Interpretación Torres Arcebispais de Pontevedra

Centro de Interpretación Torres Arzobispales de Pontevedra

Os restos das Torres Arcebispais de Pontevedra, hoxe reconvertidas en Centro de Interpretación para dar a coñecer ao público este emblemático complexo histórico descuberto durante as escavacións para construír un aparcadoiro, son o único que nos queda hoxe en día dun primitivo castelo do século XII que perviviría ás guerras irmandiñas pero non así aos enfrontamentos entre Pedro Madruga e o arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca e aos ataques ingleses. Na actualidade o Centro de Interpretación Torres Arcebispais é un museo subterráneo duns 715 metros cadrados con audiovisuais explicativos para que quen o visite poida viaxar no tempo e coñecer a Pontevedra máis medieval.

 

 

Torre de Tebra (Tomiño)

Torre de Tebra (Tomiño)

Construída no lugar de Outeiro, en Tomiño, por Pedro Álvarez de Soutomayor, máis coñecido como Pedro Madruga, en 1478, a Torre de Tebra foi derruída dez anos despois por mor dos enfrontamentos do nobre galego cos Reis Católicos. Será con posterioridade, en 1532, cando Álvaro Suárez de Deza afronte as obras para levantar unha torre que substitúa o armazón defensivo por unha torre, grazas á autorización de raíña Juana I de Castela, Juana la Loca. Con catro alturas, esta torre da homenaxe de oito metros de altura destaca pola súa robustez e dureza. A estrutura fortificada contigua é de orixe renacentista e na actualidade está destinada a residencia privada.

 

 

Torre de Fornelos (Crecente)

Torre de Fornelos (Crecente)

Moi próxima á fronteira con Portugal e ao río Miño, conta a lenda que a Torre de Fornelos formaba parte dunha fortaleza que se construíu no século XI (a primeira referencia documental data de 1158) sobre un mosteiro templario. Testemuña de numerosas contendas na guerra de independencia portuguesa pola súa situación privilexiada, as revoltas irmandiñas esnaquizaron o castelo de Fornelos, para ser reconstruído posteriormente por Pedro Madruga, quen retería tras as súas pedras o bispo de Tui, Don Diego de Muros, aliado dos Reis Católicos e inimigo acérrimo do nobre galego. Hoxe en día perviven algúns muros de cantería e os restos da torre, no seu momento con dezanove metros de altura.

 

 

Torre de Borraxeiros (Agolada)

Torre de Borraxeiros (Agolada)

No Pazo da Torre ou de Borraxeiros, situado nas terras limítrofes de Pontevedra con Lugo, aínda podemos atopar os restos dunha torre medieval pertencente a unha fortaleza amurallada destruída en 1467 durante a revolta irmandiña. Estaf ortaleza pertenceu a Vasco López de Ulloa e despois a Lope Sánchez de Ulloa, primeiro conde de Altamira. Sobre as ruínas deste castelo e aproveitando en boa parte a súa pedra, reconstruíuse durante o reinado de Felipe II, no século XVII, adoptando o aspecto señorial que pervive na actualidade, con dous niveis e flanqueada por dous torreóns, un deles a torre de orixe medieval.

 

 

Tulla medieval de Fafián (Rodeiro)

Tulla medieval de Fafián (Rodeiro)

A Tulla medieval de Fafián, cuxa existencia se documenta segundo algúns expertos xa a finais do século XVI, é unha antiga torre que pertenceu aos condes de Maceda e que posteriormente, no século XVIII, se utilizou como sede de recadación de impostos e almacén de gran. Alí acudía o campesiñado con parte das súas colleitas para saldaren as súas contas cos propietarios das terras. Na actualidade desta torre, de perfecta cantería, consérvanse tres do seu catro laterais, así como a escaleira e dúas xanelas de dobre arco.