cabecera-patrimonio-literario
Buscador

Ritos, a posta en escena da tradición

De purificación, de fertilidade, de protección... Os ritos, cerimonias repetidas desde tempos inmemoriais nas diferentes comunidades culturais para honrar e apelar á sabedoría tradicional, son unha proba plausible da gran transcendencia das lendas populares aínda na actualidade nas Rías Baixas. O simbolismo destes rituais, entre a tradición e o oculto, sedúcenos pola súa maxia, o seu misterio e a súa capacidade de evocarnos outros mundos e outras épocas onde todo é posible.

Descubrir algunha destas curiosas tradicións, moitas das cales aínda perviven, levaranos a percorrer a provincia de Pontevedra con outros ollos, os daquelas e aqueles que aínda cren no oculto, na maxia, no misterio e, por que non, nos soños.

Ritos de fertilidade e contra o mal de ollo na Lanzada

Playa de A Lanzada

Un dos ritos pontevedreses máis populares e estendidos entre quen ansía ter descendencia desenvólvese na fermosa praia da Lanzada, en Sanxenxo. De orixe pagá, segundo algunhas teorías, ou mitolóxica para apelar á bondade da deusa Venus, segundo outras, conta a lenda que para ser nai a muller debe recibir nove ondas nunha noite de lúa chea e posteriormente tombarse sobre a Cama da Virxe, un conxunto de pedras próximo á ermida da nosa Señora da Lanzada . A tradición recolleu este costume mesmo en forma de copla:

Levei a miña muller

á Lanzada ás nove ondas

leveina a desinfeitar

e botar os demos fóra

Sobre o que non hai acordo é sobre as datas nas que se debe levar a cabo este baño, ao que se lle atribúen tamén propiedades terapéuticas: moitas persoas defenden a data do 21 de xuño, outras afirman que a véspera de San Xoán, a noite do 23 de xuño, é máis propicia, pero expertos coma o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro apuntan a que a data correcta é o último sábado de agosto, coincidindo coa festa da Virxe. E por que o número nove? A herdanza celta podería ser a explicación ao existir a crenza de que as ondas do mar rompían na costa en series de nove, e a novena, a máis grande e potente, era a propietaria de propiedades curativas e purificadoras.

Pero este territorio máxico, berce de antigos castros e fortificacións das que só pervive a súa torre, tamén é propicio para librarse do mal de ollo. Para eliminar o mal débese varrer ao amencer a ermida cun percorrido por detrás do retablo e por diante do altar, completando un circuíto ao redor da bóveda, que se repetirá en tres ocasións. E para aquelas e aqueles que non se manexen coa vasoira, tamén existe a tradición de arroxarse espidos sobre a herba durante a noite de San Xoán.

Desexos e remedios antimeigas na Noite de San Xoán

Hoguera de la Noche de San Juan

Esta noite de San Xoán debuxa sobre todo o territorio da provincia de Pontevedra un mar de fogueiras que iluminan a noite do 23 de xuño e a impregnan de cheiro a sardiñas asadas. Segundo a tradición, para protexerse dos malos espíritos hai que saltar nove veces o lume e, ademais, recoller plantas aromáticas (“herbas de San Xoán”, entre as que non poden faltar a herba luísa, a menta, a hortelá, a madreselva, o romeu, a macela brava ou a falsa árnica) para deixalas en auga toda a noite. Ao día seguinte, lavarnos con esa auga purificada garantiranos a saúde todo o ano, ademais de escorrentar a mala sorte e as meigas, que “habelas, hainas”.

Mención especial merece a pegada que hai máis de 2.500 anos a cultura castrexa deixou nos montes de Cuntis, máis concretamente no castro de Castrolandín, máis de 1.000 metros cadrados de xacemento escavado e musealizado. No seu interior, desde 2002 as veciñas e veciños celebran o ritual do salto da cacharela de San Xoán, un ritual de fertilidade e de contacto cos habitantes mouros que, segundo a lenda, nos vixían desde o subsolo e protexen o castro de inundacións e outras inclemencias do tempo.

Como parte do ritual, as e os veciños colocan ramas con piñas enganchadas no seu extremo ao redor do perímetro do lugar de celebración da festa e, despois do acendido da fogueira, nenas e nenos ilumínanas usando paus de madeira con aceite, convertendo as piñas en lámpadas e debuxando un escenario de magnética beleza. Se queremos, ademais, que se cumpra algún desexo, non teremos máis que pensar nun en segredo e botar unha piña ás chamas para que se cumpra e conseguir así algún dos nosos soños.

Buscar descendencia na Pedra da Serpe

Pedra da Serpe en Campo Lameiro

Cunha das coleccións de arte rupestre máis importante de Europa, Campo Lameiro é un lugar de máxica comuñón coa natureza e a historia dos nosos antepasados. Nun outeiro granítico de 423 metros de altura sitúase o castro de Penalba, do século VIII a. C., en cuxa terraza superior se localiza o petróglifo de Pedra da Serpe, unha pedra con dous ofidios gravados que parecen retratados no momento de reproducirse. A rocha, situada cara ao oriente e inclinada uns 80 graos, sitúase nun espazo privilexiado para gozar dunha incrible panorámica das terras do Lérez.

Partindo dun motivo moi representado na arte rupestre galega polo seu carácter máxico, as serpes gravadas na pedra do castro de Penalba ao redor dos séculos VIII-VII a. C. asócianse á fecundidade. Por iso existe a lenda de que aqueles matrimonios sen descendencia que queiran solucionar o seu problema de fertilidade deben ir a noite de San Xoán manter relacións sexuais sobre esa pedra e ofrecerlles, ademais, ás cobras unha cunca de leite para que se cumpran os seus desexos.

Cantar por unha boa colleita en Mondariz

Nas comarcas de Mondariz e O Condado-A Paradanta era habitual que os traballos de labranza do mes de abril, época de sementeira, se acompañasen de cantares específicos e se celebrase a fin dos labores con máis música e danza. Mentres de maneira colectiva se realizaban os traballos da terra, tiñan lugar cantos improvisados para a ocasión, acompañados pola execución de ritmos tradicionais coa axuda dos propios apeiros de labranza (legóns cos que emitir o peculiar “toque de leghón”), reconvertidos así en particulares instrumentos musicais.

Tras esta curiosa manifestación cultural vinculada ao traballo da terra, coñecida como aña, a última hora da tarde celebrábase o serán, unha reunión festiva ao final da xornada de traballo na que se cantaba e bailaba de forma espontánea, prolongándose a festa ata ben entrada a madrugada. Nalgunhas zonas tamén se celebraba o baile do ramo, durante o cal un mozo sacaba a bailar as mozas levando no alto un ramo de loureiro adornado con panos, rosquillas e lazos.

Unha ruta máxica para sentar co Rei Sol

Monte de A Cabeciña en Oia

Son varias as lendas milenarias que sinalan a existencia de túneles entre diferentes puntos destacados da Costa dos Castros, unha boa mostra do espléndido legado arqueolóxico de Oia. E é que os tres castros que dominan os montes da zona, A Cabeciña, Chavella e Cano dos Mouros, ofrecen unha panorámica de gran beleza desde a que contemplar terra e mar nun contorno natural de impresionante beleza protagonizado, entre outros, polas pozas de Mougás, as Sobreiras do Faro, coñecido como o bosque mediterráneo máis occidental de Europa, e a zona de fentos arbóreos xigantes próximos ao río Vilar.

É o último castro, o de Cano dos Mouros, situado nun monte a 300 metros de altura en Viladesuso, o protagonista dunha curiosa historia que mesmo deu lugar á celebración dunha festa no mes de setembro. Conta a historia que o Rei Sol sentaba cada tarde nunha das pedras do promontorio, precisamente coñecida popularmente co nome de "cadeira do Rei Sol", para contemplar as magníficas despedidas diarias do astro rei sobre o océano Atlántico.

Precisamente para pór en valor este rico patrimonio creouse a Ruta Máxica de Oia, un percorrido duns 18 quilómetros con 17 paradas entre Mougás e o mosteiro de Santa María de Oia , monumento declarado Ben de Interese Cultural desde 1931. Partindo do mosteiro percorreremos as parroquias de Pedornes, Viladesuso e Mougás, con visita aos petróglifos da Pedreira, os gravados rupestres do Viveiro, Outeiros do Mouronzo e A Pousadela, o sobreiral de Sobreiras do Faro, Cano dos Mouros, as pozas de Mougás ou os gravados da Cabeciña, un dos conxuntos prehistóricos máis atractivos do sur de Galicia.

Traspasar a porta ao inframundo no Seixo

Mirador de O Seixo

No miradoiro do Seixo, ademais de observar Forcarei, Cerdedo e A Lama desde o interior da serra do Cando, xorde a maxia grazas á gran cantidade de túmulos funerarios, menhires e pedras das máis curiosas formas. Entre todas estas incribles mostras da riqueza patrimonial da zona destacan o espectacular menhir Marco do Vento, onde, segundo a tradición, se reúnen as forzas do universo, ou a Porta do Alén ou Portalén, a porta ao mundo de Caronte e a súa barca, un conxunto de rochas graníticas fracturadas sobre unha gran rocha plana que conforman algo similar a un lintel e cuxo orixe se descoñece.

A lenda sitúa neste monumento megalítico, considerado como templo de culto á natureza ou aos astros, unha porta ao reino dos mortos desde a que preguntarlles todo aquilo que desexemos saber. Para iso haberá que entrar pola Porta do Alén desde o norte cara ao sur en silencio, so pena de quedar sen voz ou sen saúde, para que poidamos escoitar a resposta que nos traerá o vento. As e os intrépidos que se aventuren non deben esquecer saír pola porta se non queren quedar atrapados no reino do cruel Hades.

Unha procesión de morte para agradecer a vida

 Iglesia de Santa Marta de Ribarteme

Na igrexa de Santa Marta de Ribarteme, no municipio pontevedrés das Neves, cada 29 de xullo ten lugar unha romaría moi peculiar, considerada polo xornal británico The Guardian unha das festividades máis raras do mundo. Unha vez rematan os actos relixiosos en homenaxe á irmá de Lázaro, protectora dos desafiuzados, e as campás do monumento románico repican, comeza un peculiar desfile de cadaleitos dentro dos cales se deitan persoas que conseguiron escapar dun cruel destino.

Ao son do cántico “Virxe Santa Marta, estrela do norte, traémosche os que viron a morte", as e os devotos que padeceron ou padecen algunha enfermidade grave ou familiares destes desfilan vivos dentro de cadaleitos en cumprimento da súa promesa para favorecer a súa curación ou agradecer a intercesión da Virxe. No caso de menores o cadaleito vai baleiro, aínda que antigamente as e os nenos tamén desfilaban. A procesión é seguida por máis penitentes, algunhas e algúns coas roupas cubertas de gasas brancas e con candeas, debuxando unha estampa que dificilmente se nos borrará da retina.

Danzas rituais e disfraces artesanais

Danzas en Aldán

Un ritual que se repite cada mes de xaneiro na parroquia canguesa de Aldán é o coñecido como Danzas de San Sebastián. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a danza é un espectáculo singular que se inicia con dez galáns, cinco damas e un guía agardando a saída da procesión da igrexa de San Cibrán. Tras facerlle unha reverencia ao santo, comeza unha particular comitiva na que bailaríns e bailarinas nunca se dan as costas, mentres se inclinan ante a imaxe do santo, tres veces cando se achegan e outras tres cando volven á súa posición inicial, e o guía marca o paso ao ritmo da gaita, o tamboril e as castañolas.

Outra tradición digna de nomear é a do desfile de entroido dos Xenerais da Ulla, no que as e os participantes locen traxes elaborados durante meses e con miles de abelorios cosidos á man. Son presididos polos “xenerais”, vestidos con uniformes decimonónicos e cun peculiar tricorne con plumas de pavo real. E é que neste peculiar exército reina a paz e o espírito xocoso, co que busca trasladar as e os asistentes a un cegador mundo de vistosidade, beleza e diversión.

Pedras para conter a fala e evitar as meigas

O poderoso Miño, fronteira natural entre España e Portugal ao seu paso pola provincia de Pontevedra e río enmeigado segundo os romanos, era o fogar, segundo a lenda, de numerosos personaxes mitolóxicos galegos que habitaban na súa conca. Feiticeiras que vivían no mesmo río, os “xarcos” que se ocultaban en pozos, e homes-peixe capaces de vivir tanto no interior coma fóra da auga debuxaban unha poboación nada típica que dotaba de misticismo un paseo pola súa ribeira.

Ademais de pola néboa que segundo os romanos escondía na súa desembocadura o final da Terra ou finis terrae, é popularmente coñecido que aquelas e aqueles que se atrevían a cruzalo á altura do concello de Arbo debían levar unha pedra na boca para evitar falar durante a travesía, pois a súa fala podería provocar a saída de espíritos sobrenaturais coma as meigas que habitaban aquelas augas, o que suporía a fin da súa travesía, non só pola auga senón pola vida.

Un futuro padriño para Alberta ou Alberto

Os ríos son espazos máxicos que serven como fonte de numerosas historias que enriquecen a nosa tradición. Proba diso é outra lenda, esta vez centrada no río Umia ao seu paso por Ponte Arnelas, preto de Vilanova de Arousa. Alí atópase a “ponte dos padriños”, obxecto dun curioso rito de fertilidade e bautizo prenatal cargado de esperanza para as nais que tiveron a desgraza de non finalizar o período de xestación ou de perder unha filla ou fillo acabado de nacer.

Se estas eran as circunstancias dalgunha muller, debía achegarse á ponte acompañada de seres queridos coa finalidade de impedirlle o paso a calquera animal ou persoa que tratase de cruzala a partir da medianoite, e solicitarlle ao primeiro home que a cruzase que vertese auga do río sobre o seu ventre. Tras este bautismo celebrábase unha cea á que se convidaba o futuro padriño e os seus acompañantes, para arroxar, ao finalizar, a vaixela empregada durante o ágape ao río. Se nove meses despois a cegoña chamaba á porta da muller, o home sería o padriño da nena ou do neno que acababa de nacer, que se chamaría Alberta ou Alberto en honra á estatua de pedra deste santo presente no cruceiro que preside a ponte.

Estas son só unha mostra da incrible riqueza do patrimonio inmaterial das Rías Baixas. Ritos e costumes que, sexan certos ou non, nos descobren un mundo de esperanza, beleza e comuñón absoluta coa natureza e os seres máxicos que a habitan.