Descubre Pontevedra desde las alturas
Buscador

Aloia (Tui)

A impresionante beleza desta atalaia de case 630 metros de altura sobre unha extensión natural de 746 hectáreas captará desde o primeiro instante a nosa atención. Os seus camiños e miradoiros trasladarannos a un mundo no que a natureza domina a paisaxe.

Coñecido como o primeiro Parque Natural de Galicia, declarado como tal en 1979, é o máis pequeno dos existentes na Comunidade. Sitúase no límite sur da serra do Galiñeiro e permite unha panorámica sobrecolledora dos vales dos ríos Miño e Louro. O seu punto máis elevado sitúase no alto de San Xiao, o seu principal foco de atención turística, que conta cunha pequena ermida de 1713 construída sobre un templo románico.

Aloia
Aloia

Rutas a pé

Para quen prefira vivir unha experiencia completa, o parque natural ofrece oito itinerarios pedestres sinalizados nos que se inclúe a visita aos muíños de auga e a observación das especies arbóreas de maior importancia na comarca do Baixo Miño e no monte Aloia. Existe ademais a posibilidade de concertar visitas para grupos (de entre 10 e 35 persoas) que inclúen rutas temáticas polo parque, sempre que concertemos cita previa.

Conta cun centro de interpretación da natureza, emprazado nunha antiga casa forestal, onde podemos atopar todo tipo de información sobre este espazo protexido. Tamén se poderán realizar rutas temáticas interpretadas e gratuítas para coñecer máis detalles sobre a flora e fauna da zona.