Ruta de los monasterios
Buscador

Ruta dos mosteiros

Os mosteiros da provincia de Pontevedra conforman un patrimonio milenario enmarcado en sensacionais paisaxes. Están situados en cumes (San Lourenzo de Carboeiro); no fondo de fecundos vales (Santa María da Armenteira); en prados próximos a zonas montañosas (Santa María de Aciveiro); á beira do mar e do Camiño Portugués pola Costa (Santa María de Oia) ; en chairas elevadas sobre unha das Rías Baixas (San Xoán de Poio) ; e preto da desembocadura de caudalosos ríos e históricas cidades (San Salvador de Lérez) . Estas edificacións monumentais, que conservan intacta a súa quietude e a súa maxestade, son testemuñas mudas do paso dos séculos.

Estes templos relixiosos gardan un rico legado. Cruzar os seus muros traslada as e os viaxeiros ao pasado, a unha época de reis, de familias nobres galegas, de quietude, retiro, cultivo da terra, batallas e revoltas. Pasear polos seus recunchos devólvenos ao seu esplendor medieval e permítenos respirar parte da historia da provincia de Pontevedra.

ArmenteiraSanta María de Armenteira
Santa María de OiaSanta María de Oia

Facer un percorrido polos mosteiros é un dos grandes atractivos turísticos das Rías Baixas; a súa excelente localización propicia que se complementen á perfección cun percorrido pola natureza que os rodea, por bosques autóctonos e terras de pastos, por cantís onde rompe o océano, beiras de sinuosos ríos e máxicas fervenzas, algunhas delas con suaves saltos de auga e outras torrenciais e poderosas. Un verdadeiro espectáculo para os sentidos.

Aquí contámosche a historia, arquitectura e ornamentación, lendas e referencias de diferentes autores sobre estes magníficos templos a través dun percorrido pola Ruta dos Mosteiros. Visítaos e adéntrate na maxia espiritual da provincia de Pontevedra.

Vive a experiencia Rías Baixas!