Ruta de los monasterios
Buscador

Santa María de Aciveiro

Santa María de AciveiroIlustración de Santa María de Aciveiro de Chema Fernández Román

Nas alturas que conducen á serra de O Candán, ao oeste do Deza, atópase o mosteiro de Aciveiro, no municipio de Forcarei. Hoxe totalmente reconstruído para servir de hospedería. A súa planta é de forma trapezoidal, con dous fermosos e sinxelos xardíns, e a igrexa, sobresaliente, cos seus muros e contrafortes.

A paisaxe está dominado polo verdor, polos prados e as árbores autóctonas, cun fácil acceso desde a estrada que une Forcarei con Lalín e Silleda. Os acivros que existiron hai séculos quizá foron a orixe do nome do lugar. As neves invernais cobren estas alturas con certa frecuencia, o que permitiu aos monxes percibir rendas polo aproveitamento das neveiras que se atopaban na súa xurisdición.

Unha inscrición nun dos muros da igrexa indica o ano da súa fundación, 1135, o que nos sitúa de novo na centuria da expansión en Galicia da orde beneditina, as doazóns reais e o auxe do monacato. Neste caso foi o rei Alfonso VII o que fixo chamar a algúns monxes de Claraval (Clairvaux, Francia), onde o monxe Bernardo estaba a levar a cabo un importante labor reformador para que colonizasen a zona. Pero foi unhas décadas máis tarde cando a comunidade monástica aceptou a regra do Císter.

Como noutros casos, algúns dos abades de Aciveiro foron membros da nobreza galega de cada momento, que profesaban no mosteiro para agrandar a influencia da liñaxe a que pertencían. Este é o caso de Pedro Martínez, cuxa familia doara terras ao mosteiro.

Santa María de AciveiroPortería
Santa María de AciveiroVista aérea

Un dos conflitos máis soados, o das Guerras irmandiñas, é o fondo dunha das lendas máis curiosas, a do oso de Oseira: o abade Gonzalo das Penas estaba visitando o mosteiro ourensán de Oseira e levaba unha pomba branca no seu ombreiro. Os monxes desta comunidade non lle abriron cando tentou entrar polo temor ás arremetidas dos nobres da época, entón Gonzalo bicou á súa pomba e esta entrou no mosteiro, o que permitiu que se lle abrise a porta, ocasión que quixeron aproveitar os nobres levantiscos para facerse donos do mosteiro, pero atopáronse entón cun monumental oso que lles fixo fronte e os escorrentou.

As neveiras eran depósitos de neve que a conservaban para utilizar no verán mediante o correspondente prensado. En épocas antigas había dificultades para conservar alimentos, para o que estas neveiras eran dunha grande utilidade; grazas a eles o mosteiro obtivo importantes rendas. Estas estruturas atopábanse nos lugares de Fixó, Millerada e Forcarei, pero non sempre estiveron en poder do mosteiro de Aciveiro, senón que co tempo pasaron a ser propiedade dos arcebispos de Santiago de Compostela.

Santa María de AciveiroEstancia da hospedería
Santa María de AciveiroEstancia da hospedería

Na aldea de Lamasgalán de Abaixo, ao nordeste do mosteiro de Aciveiro, pódese, coma antigamente, seguir unha ruta que pasa por Mouro Negro, Pena do Trigo e, xa en dirección sur Andón, A Cabana, O Forno e Aciveiro; a paisaxe e as vistas son de gran beleza nunha das ladeiras da serra do Candán.

Así, coma ocorre con outros mosteiros, as e os visitantes poden combinar a natureza coa arte e a historia coa lenda. Cando os monxes que habitaron Aciveiro modificaron por medio do campesiñado a paisaxe, poñendo prados onde había bosques, camiños onde había matos, casas onde había lodeiros, rezos onde reinaba a soidade, non puideron imaxinar que hoxe o mosteiro, restaurado, sería unha agradable hospedería. Aqueles monxes tamén déronlles acubillo a peregrinos e esmoleiros perdidos nestas paraxes, duras no inverno pero repletas de vida e natureza nos meses primaverais e do estío.

O mosteiro de Santa María de Aciveiro foi declarado Monumento Nacional por Decreto o 3 xuño de 1931. Ademais pertence á Rede Europea de Abadías e Sitios Cistercienses e é socio de ACIGAL (Asociación de Mosteiros do Císter de Galicia).