Rutas en moto por As Rías Baixas
Buscador

Ruta Silleda-Pontevedra

70,3 km aprox.

InicioInicio: Silleda  

Silleda é unha localización perfecta para empezar esta ruta que une natureza e cultura. En apenas 70 km descubrirás a esencia máis singular de Galicia: desde fervenzas ata mosteiros, paisaxes e restos de historia que se irán cruzando no teu camiño.

Podes comezar visitando o mosteiro de Carboeiro (colle primeiro a PO-211 e logo a PO-6502), construído no ano 939 polos discípulos do Mestre Mateo sobre unha pequena ermida. Lembrarache a catedral de Santiago, e é que a súa ornamentación está estreitamente vinculada a ela. A igrexa foi construída xunto ao mosteiro a finais do s. XII.

En Silleda podes tamén visitar a fervenza do Toxa, un fermoso espectáculo de auga, luz e son formado polas augas do río Toxa entre as parroquias de Pazos e Martixe. Está considerada a máis alta de Galicia en caída libre. Constitúe un espazo de alto valor paisaxístico que forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza e participa no proxecto europeo Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria. Desde o mosteiro de Carboeiro ata a fervenza do río Toxa chegarás tomando primeiro a PO-6502 e logo a PO-204. 

Monasterio de Carboeiro
Silleda - Fervenza do Toxa

InicioParada: Lalín 

A seguinte parada é Lalín (toma primeiro a N-525 e despois a N-640), localidade coñecida pola súa famosa Feira do Cocido (ten lugar a fin de semana previa ao Entroido). Neste concello hai dous lugares de interese para visitar: o santuario da Virxe do Corpiño e o pazo de Liñares. O primeiro é un maxestoso santuario construído en 1650, de gran valor patrimonial, mentres que o segundo é un pazo (declarado Ben de Interese Cultural en 2009) de estilo barroco que data do s. XVII e que foi o lugar de nacemento do famoso aviador Joaquín Loriga. En Lalín tamén podes achegarte á fraga de Catasós, declarada Monumento Natural no ano 2000, que conta con excepcionais exemplares de castiñeiros e carballos.

Lalín
Lalín

InicioParada: Forcarei 

Pola PO-534 chegamos a Forcarei. Nesta localidade podes visitar o mosteiro de Aciveiro, unha xoia da arquitectura románica construída no ano 1135 baixo a tutela do rei galego Afonso VII. A súa igrexa posúe unha planta basilical dividida en tres naves e data do románico tardío. En Forcarei tamén podes aparcar a túa moto e facer unha das súas numerosas rutas de sendeirismo, coma a da serra do Candán, unha das máis populares e con mellores paisaxes naturais. Non o perdas!

Forcarei
Forcarei

InicioParada: Pontevedra 

Chegamos case ao final desta ruta pola N-541 ata Pontevedra. Ademais de gozar de toda a cidade e a súa zona vella (declarada conxunto histórico-artístico), recomendámosche que visites o mosteiro de San Salvador de Lérez, un antigo mosteiro beneditino con elementos barrocos e neoclásicos que se cre que foi fundado no s. IX. 

Pontevedra
Pontevedra

Ademais! Na cidade de Pontevedra comeza a senda do Lérez, unha atractiva e coñecida ruta que te levará polas paisaxes fluviais do río Lérez a través dunha zona de alto valor ecolóxico. Durante o camiño descubrirás todo tipo de árbores e pequenos carreiros da antiga ruta de pescadores que se internan nos chamados salóns do Lérez, zonas nas que o río se remansa e discorre en calma.

InicioPunto de interese (fin de ruta): Combarro 

Pola PO-308 chegamos a Combarro, un fermoso conxunto histórico no que os hórreos e cruceiros son os grandes protagonistas. Trátase dunha vila mariñeira moi turística, con máis de 60 hórreos; destaca o conxunto que conforman 30 deles, aliñados á beira da ría. 

Combarro
Combarro