Rías Baixas Somos Historias
Buscador

María Vinyals ensínalle As Rías Baixas ao mundo

Turismo Rías Baixas sorprendeu en Fitur 2018 coa coidada posta en escena da súa campaña "Somos historias". A emotiva curtametraxe atrapou as e os turoperadores e a prensa especializada, que coñeceron a fondo a provincia de Pontevedra da man de María Vinyals, verdadeira pedra angular dunha presentación que conxugou o animado diálogo entre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a actriz Patricia Torres coa proxección de vídeos, fotografías históricas en gran formato e unha entrevista a Diego Piay, historiador da Deputación experto na figura da escritora e aristócrata que habitou o castelo de Soutomaior.

Fitur 2018
Fitur 2018

"María Vinyals era unha muller culta, adiantada ao seu tempo e viaxeira incansable que amaba profundamente a nosa terra. Coñecíaa moi ben e era admiradora das súas lendas, do seu patrimonio e das súas paisaxes", explicou Carmela Silva, acompañada dos alcaldes de Vigo e Pontevedra, outros rexedores das Rías Baixas e varios deputados provinciais; e destacou da escritora o seu carácter indomable, compromiso social, vida novelesca e amor pola provincia de Pontevedra.

O público eloxiou a creatividade, emotividade e beleza das imaxes da curta Somos historias, gravada en 18 localizacións e que amosa a riqueza patrimonial do destino Rías Baixas. O vídeo mostra unha moza que descobre no Museo de Pontevedra antigas imaxes de María Vinyals e que, a partir delas, se interesa por esta figura feminina e pola provincia, ata o punto de identificarse coa marquesa nada no castelo de Soutomaior. A curta combina elementos patrimoniais con fermosas e impresionantes paisaxes das comarcas de Deza, Tabeirós, O Salnés, Caldas, O Baixo Miño, Vigo, O Morrazo, Pontevedra e O Condado.

O castelo de Soutomaior, onde viviu María Vinyals e que este ano será musealizado, é un dos elementos estrela da campaña

"María Vinyals era unha muller que a finais do século XIX falaba cinco linguas, debuxaba, escribía, viaxaba por todo o mundo e facía cousas tan atípicas como conducir o seu propio coche cando o automóbil acababa de chegar a Galicia. Era moi culta e carismática, e existe documentación moi abundante sobre a súa vida, desde cartas a fotografías, algunhas delas tomadas pola propia María", explica Piay.

Carmela Silva revelou que hai uns días a Deputación recolleu en Guimarães (Portugal) un caderno que custodiaba unha filla de Lluria, o segundo marido de María Vinyals, con impresións das persoas que visitaban o castelo de Soutomaior. Ademais, onte mesmo foi descuberto nunha librería un exemplar do libro Rebelión, escrito pola aristócrata, do que ata agora se pensaba que había só un volume na Biblioteca Nacional.

Soutomaior: unha maxestosa fortaleza… con pantasma

A historia de María Vinyals deu pé a resaltar en Fitur a beleza, historia e riqueza botánica do castelo de Soutomaior, outro dos elementos estrela da campaña. A fortaleza foi visitada por 25.000 persoas en 2017, e está en marcha o proxecto de musealización, que a converterá nun referente turístico de alcance internacional.

Fitur 2018
Fitur 2018

"Ninguén debería perder as historias que gardan os seus muros, os seus marabillosos xardíns, a súa envexable localización, que namora en calquera estación do ano. Por iso tratamos de adaptar o castelo ás novas tecnoloxías: achegaranse contidos didácticos orixinais e aptos para todas as idades, e reformularanse todos os ambientes coa achega de oito audiovisuais", detallou Carmela Silva.

O misterio rodea, ademais, o castelo, precisamente a partir dunha historia contada por María Vinyals. Segundo a escritora e activista, pola fortaleza rolda un espectro. Así o relatou no orixinal e entretido guión do acto ante o público en Fitur a presidenta da institución provincial. "É raro que en calquera fortaleza, castelo ou casa antiga non haxa lendas sobre unha pantasma. Non coñeciamos ningunha ligada a Soutomaior ata que, investigando, se descubriu que María Vinyals recolleu nos seus escritos historias sobre a pantasma do castelo", desvelou.

A caixa con pastas de té e nubes elaboradas con camelia chamou a atención do numeroso público que asistiu á presentación

E do castelo ao patrimonio das Rías Baixas, eixe de "Somos historias". "Temos torres, fortalezas, xacementos, patrimonio relixioso, literario, mitos e lendas… Este ano Europeo do Patrimonio Cultural é o momento perfecto para reivindicar este legado", comenta Silva.

O numeroso público que asistiu ao acto eloxiou, ademais, a caixa-regalo entregada pola Deputación, un obsequio que contén pastas de té e nubes feitas de camelia elaborado por alumnado do CIFP Carlos Oroza e o IES Montecelo, ambos de Pontevedra.

A presidenta da Deputación fixo un chamamento ás e aos axentes turísticos e medios de comunicación para que visiten a provincia. "Estou convencida de que van quedar namorados das Rías Baixas e non poderán esquecer a nosa gastronomía, cultura, patrimonio, lendas, atardeceres, os amenceres máis fermosos do mundo, o cheiro a terra mollada, viñedos, pedra e auga, fervenzas, mar e ríos, petróglifos, castros e, sobre todo, a vitalidade, hospitalidade e humor que nos caracteriza", salientou Silva, para concluír cunha invitación: "Veñan e vivan as historias connosco porque, como dicía María Vinyals, ‘nada existe no mundo comparable á provincia de Pontevedra, xardín de España, verxel de Galicia'".

Fitur 2018
Fitur 2018

Tres distintivos Q de Calidade

Xa pola noite, Turismo Rías Baixas recolleu, na gala celebrada para ese efecto, os tres distintivos Q que acreditan a calidade deste servizo. Renovan o selo o Palacete das Mendoza (sede central) e as dependencias da Armenteira; ademais, obteno por primeira vez a oficina de Turismo Rías Baixas no aeroporto de Peinador.