Rías Baixas Somos Historias
Buscador

Os viquingos do século XXI que desembarcan en Catoira xa non buscan os tesouros de Compostela: queren festa. Baiona regresa en marzo a 1493 para recrear a noticia do Descubrimento. Veciñas e veciños de Ponteareas locen ante o mundo as súas espléndidas alfombras florais do Corpus Christi. E en Sabucedo (A Estrada) os aloitadores e aloitadoras rapan cada ano as crinas das bestas nunha loita épica e coral. As catro, marca distintiva dos eventos lúdicos populares da provincia de Pontevedra, foron declaradas Festas de Interese Turístico Internacional. Pero hai moitos máis: ata 47 festas están distinguidas a distintos niveis.

Festas de interese turístico internacional da provincia de Pontevedra

  • Festa da Arribada (Baiona)
    Festa da Arribada (Baiona) A festa medieval por excelencia, celebrada en Baiona, recrea o anuncio do descubrimento de América tras a chegada, o 1 de marzo de 1493, da Carabela A Pinta con Martín Alonso Pinzón ao mando. Cabaleiros, artesáns, ferreiros, bufóns, mesoneiros, cíngaras e outros personaxes da época toman a Real Vila, á que acoden decenas de miles de persoas para divertirse nesta espectacular viaxe no tempo.
  • Corpus Crhisti (Ponteareas)
    Corpus Crhisti (Ponteareas) A tradición de confeccionar pequenas alfombras ao paso da procesión do Corpus en Ponteareas, de principios do século XIX, converteuse nunha gran festa turística de arte efémera na que colaboran todas as veciñas e veciños. Máis de 5.000 metros cadrados de colorido pavimento floral engalanan a vila tras esfollaren a flor colleitada durante todo o ano. Unha festa para gozar coa vista, o tacto e o olfacto.
  • Rapa das Bestas (A Estrada)
    Rapa das Bestas (A Estrada) O espectáculo que atrae a fotógrafos e fotógrafas de todo o mundo pola súa vistosidade nace da tradición do século XVIII de desparasitar as bestas. Os aloitadores e aloitadoras de Sabucedo (A Estrada) non utilizan nin cordas nin varas nin ningún outro instrumento para reducir os cabalos senón que o fan coa súa propia mestría e forza. As manadas pacen libres no monte durante todo o ano.
  • Romería Vikinga (Catoira)
    Romería Vikinga (Catoira) Os viquingos, a bordo dos seus drakkars, desembarcan cada verán con sede de festa ao pé das Torres de Oeste, en Catoira. Milleiros de persoas acoden cada ano ao espectáculo teatral, que rememora un episodio con máis de mil anos de historia. O evento é un símbolo de numerosos pobos da Europa Atlántica vinculados ás incursións viquingas.
  • Fiesta del Albariño (Cambados)
    Fiesta del Albariño (Cambados) A grande homenaxe ao príncipe dos viños galegos, o Albariño, atrae a Cambados a decenas de miles de persoas. A súa orixe remóntase a un concurso entre adegas da zona, coincidindo coa festividade da Virxe da Pastora, patroa da vila do Salnés. Hoxe é unha festa con gran prestixio, coma os caldos da Denominación de Orixe Rías Baixas, e mostra a estreita vinculación de Cambados coa cultura vitivinícola a través de decenas de actividades en todos os ámbitos.