Unha viaxe polo nadal
Buscador

A Porta do Sol, Vigo

Esta antiga vila de pescadores creceu desde a ribeira do Berbés ata transformarse na maior cidade de Galicia. Nesa viaxe, impulsada pola riqueza do mar e a forza da industria, Vigo atopou no tranvía un símbolo do seu progreso, moderno á vez que romántico. Raís, cables e paradas, hoxe desaparecidos, estendéronse durante décadas polas principais rúas da cidade, e os coches abarrotados de pasaxeiras e pasaxeiros formaban parte da paisaxe urbana.

A chegada do tranvía foi un fito no seu tempo. Un grupo de notables vigueses lanzou en 1911 o proxecto, e o 8 de agosto de 1914 os coches iniciaron o servizo regular. As liñas da compañía Tranvías Eléctricos de Vigo creceron pronto nas principais arterias urbanas e co curso dos anos expandíronse a outras localizacións; en 1926 inaugurouse o servizo a Baiona e en 1945 os tranvías conectaron o centro con Samil.

A Porta do Sol, quilómetro cero de Vigo e lugar animado de encontro presidido hoxe pola efixie do Sereo, era o punto neurálxico da rede viaria deste moderno medio de transporte, que durante dezaoito anos, ata 1932, cruzou pola rúa do Príncipe. Os emblemáticos tranvías adaptáronse á orografía e movíanse áxiles pola urbe, tanto no chairo coma nas fortes pendentes.

O día de Fin de Ano de 1968 circularon por última vez. A cidade seguiu o seu progreso noutro medio de transporte, o autobús, e o tranvía pasou á historia convertido en emblema do seu tempo.

Porta do Sol en Vigo