Unha viaxe polo nadal
Buscador

Fonte da Burga, Caldas de Reis

Fonte da Burga Caldas de ReisDed Moroz
Komozja Family. Polonia

A auga brota a 50 ºC pola boca dos leóns da centenaria fonte da Burga en Caldas de Reis, onde peregrinas e peregrinos de todo o mundo fan un alto no Camiño Portugués para repousar e recuperar forzas antes de chegar ao seu destino.

Caldas de Reis é unha vila rica en augas terapéuticas e tradición termal desde a época dos romanos; os mesmos que lle chamaban a este municipio Aquis Celenis en referencia aos cilenos, pobo castrexo que ocupaba as terras entre os ríos Lérez e Ulla e que creou a vía romana XIX, que foi reconvertida séculos despois en itinerario de peregrinación a Santiago de Compostela.

A historia escríbese con letras douradas sobre as pedras desta vila, pois aquí foi achado un formidable tesouro da Idade do Bronce e, moito despois, no alto Medievo, os suevos designárona como sé episcopal. A raíña dona Urraca posuía alí, no século XII, unha torre defensiva alí na que pasaba longas tempadas co seu fillo Afonso VII; de aí o seu nome: Caldas de Rex.

Por aquí pasou Thomas Beckett, arcebispo de Canterbury, na súa peregrinación a Santiago de Compostela, feito do que dá fe a igrexa que se lle dedica ao santo no centro da vila. Caldas de Reis é Camiño, e un dos seus sinais de identidade é A Burga, construída en 1881, e cuxa auga repara as dores das persoas que veñen do sur antes de emprender o último treito ata Santiago de Compostela.