Unha viaxe polo nadal
Buscador

Illa de San Simón, Redondela

“Pois ben, señor Aronnax, estamos na bahía de Vigo, e só de vostede depende que poida coñecer os seus segredos”. O Capitán Nemo, a bordo do Nautilus, aludía así en 20.000 leguas de viaxe submarina á lenda dos fabulosos tesouros afundidos no fondo de ría durante a batalla de Rande, na que a flota hispanofrancesa caería derrotada a mans da armada angloholandesa en outubro de 1702.

Xunto á illa de San Simón a escultura de Nemo parece flotar na auga, mentres os mergulladores do Nautilus rastrexan o fondo, só visible coa marea baixa. San Simón, cantada polo trobador Meendinho, respira espiritualidade polo seu pasado relixioso, pero tamén foi testemuña de tráxicas historias.

A illa, ocupada polos templarios e despois cedida pola Coroa de Aragón ao bispado de Tui, sufriu os saqueos de piratas británicos no século XVI. No século XIX converteuse en lazareto, no que pasaban unha tempada os navegantes que chegaban á ría de Vigo antes de desembarcar en terra firme para evitar epidemias.

Na Guerra Civil e nos primeiros anos da posguerra converteuse nun cárcere do réxime franquista. Hoxe, tras un proceso de recuperación a principios deste milenio, afronta un novo ciclo como illa do pensamento.

Illa de San Simón desde CesantesMergullador, Max Glass-Kowalski Family Co. Polonia