Unha viaxe polo nadal
Buscador

Os bosques e as zonas húmidas

CatasósFungos e gnomos
Gremio de Artesáns de Lauscha. Alemaña
Hanco. Austria
Rautis. República Checa

Soutos máxicos, de grandes castaños e carballos, de fadas e lendas, de trasnos e outras personaxes de fantasía. Sinuosos ríos que xogan coas pedras; travesas fervenzas e fragas literarias coma a de Catasós, ligada á casa de Quiroga, na que pasaba longas tempadas Emilia Pardo Bazán, casada cun herdeiro dos seus donos. Un lugar no que esta escritora se inspiraría para crear algúns capítulos de Los pazos de Ulloa.

Os montes e bosques das Rías Baixas son un monumento á natureza; frondosos, exuberantes, de vexetación autóctona, cruzados por rutas, salpicados de miradoiros, muíños, igrexas e petróglifos. Espazos naturais magníficos cunha espléndida flora e habitados por unha variada fauna, coma o monte Aloia, a serra do Candán ou o parque de Cotorredondo.

As zonas húmidas da provincia son tamén un grande escenario natural, fonte de vida e lugar de parada e alimento das aves que se desprazan miles de quilómetros nas súas migracións. Espazos coma o magnífico Complexo Intermareal Umia-O Grove, ao pé do istmo da Lanzada; ou o fabuloso estuario do Miño, o máis grande de Galicia, que podemos contemplar en toda a súa magnitude desde a cúspide do Trega, preto dos máxicos muros circulares das casas dos nosos antepasados.

As follas cobren a terra no outono, o verde mestúrase cos tons cobreados, iluminados polos raios do sol que atravesan as fendas entre as árbores dos bosques das Rías Baixas. Xérase neles unha atmosfera natural case mística na que todo convive en perfecta harmonía.