Unha viaxe polo nadal
Buscador

Pola beira dos ríos

Ameneiros, salgueiros, abeleiras, carballos ou freixos sucédense á beira dos ríos. Cabaliños do demo, vacalouras, mouchos e lagartos das silveiras presencian o paso das e dos camiñantes polas fermosas sendas paralelas ás súas canles. Nas augas móvense os salmóns, as troitas, as lampreas e as anguías. Vellos muíños dan testemuño dun tempo pasado.

O Miño entra maxestoso na provincia por Crecente, acariñando tamén Portugal no seu traxecto. Torres, pazos e fortalezas vixían o seu camiño ata A Guarda, onde se abre ao océano Atlántico na punta de Santa Trega. O seu formidable estuario debuxa caprichosas formas na paisaxe a vista de paxaro e é fonte de riqueza natural para a fauna que o habita.

Ao sur, o maior río de Galicia baña terras de viñedos. Tamén o fan ao norte as augas do Ulla, que chega polas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes para desembocar en Catoira, alí onde as Torres de Oeste son testemuña en pé das invasións viquingas, e onde a lenda conta que a barca cos restos de Santiago Apóstolo remontou o río ata tocar terra en Padrón.

O Lérez nace na serra do Candán e morre en Pontevedra; na súa chegada baña a Illa das Esculturas, un poético colofón para coroar a viaxe. O Verdugo brota das entrañas da terra en Forcarei e déixanos marabillosos espectáculos no seu camiño, un deles en Ponte Caldelas, onde esta magnífica senda nos mergulla de cheo na natureza e unha praia fluvial, a da Calzada, nos invita a gozar das súas augas e da paisaxe nunha tarde de verán.

Umia, Tea, Deza, Toxa, Barosa, Louro… Mil ríos e regatos bañan a provincia de Pontevedra. Cada un coa súa maxia. Cada un excepcional e único.

Pola beira dos ríosReis Magos, Hanco, Austria