Unha viaxe polo nadal
Buscador

Santa María da Armenteira, Meis

Esta é a historia dun mosteiro de lenda.

Un nobre do século XII, Ero da Armenteira, pediu intercesión á Virxe María para ter descendencia, quen nun soño lle dixo que era vontade de Deus que tivese moitos fillos espirituais. Así pois, Ero decidiu fundar o cenobio de Santa María da Armenteira, do que foi abade durante 26 anos.

Ao monxe intrigáballe saber como era o paraíso; e xa en idade avanzada saíu camiñar polo bosque. No seu paseo quedou embelesado polo canto dun paxaro e sentou escoitalo baixo unha árbore. Alí pasaría os seguintes 300 anos antes de volver ao mosteiro, crendo que só transcorreran unhas horas. Tras falar cos monxes decatouse do que ocorrera e morreu alí mesmo. A lenda de santo Ero está recollida nas cantigas de Afonso X, o Sabio.

O cenobio segue en pé nove séculos despois, maxestoso, nunha das ladeiras do monte Castrove, en pleno corazón da comarca do Salnés. A súa igrexa, de estilo románico galego con transición ao gótico, é un tesouro dos séculos XII e XIII. O claustro, cos seus seis arcos de medio punto en cada á, respira quietude e espiritualidade.

A vida cisterciense restaurouse na Armenteira en 1989 coa chegada dunha comunidade de monxas procedentes de Navarra. Alí dedícanse á vida de oración e traballo, rexentan unha hospedería e venden xabóns artesáns fabricados con produtos naturais.

Armenteira
Pájaro, Gremio de artesanos de Lauscha, Alemania