Unha viaxe polo nadal
Buscador

Torres de Oeste, Catoira

Torres de Oeste en CatoiraDrakkar, Rautis, República Checa

Os drakkars viquingos adentrábanse na ría de Arousa e remontaban o Ulla nas súas incursións para saquear Santiago de Compostela. Corrían os séculos X e XI, o inimigo nórdico converteuse nun pesadelo para as e os poboadores da provincia de Pontevedra. Armados con lanzas e machetes que manexaban con pericia chegaban a bordo de rápidos barcos e, ao baixar a terra, causaban grandes estragos nas súas conquistas.

As ruínas das torres de Oeste, en Catoira, son testemuña daquelas invasións. Afonso V dooulle á igrexa en 1024 o terreo no que se levantaron para defender o territorio dos ataques. Nese tempo asediaba a provincia con man de ferro o caudillo Ulf, coñecido coma O Galego. O seu obxectivo: a conquista de Jakobsland, as terras de Santiago de Compostela. Durante dúas décadas sucedéronse os ataques deste viquingo, que golpeou con dureza tamén a ría de Vigo nos seus saqueos.

O bispo Cresconio reforzou a estrutura das torres de Oeste e ordenou construír a capela en honor ao apóstolo Santiago. A consolidación do armazón defensivo prolongaríase cos seus sucesores Diego Peláez e Diego Xelmírez; finalmente quedou composto de sete torres.

Aquelas magnas fortificacións son hoxe testemuña dunha grande romaría de Interese Turístico Internacional o primeiro domingo de agosto. Os viquingos xa non chegan a Catoira nos seus drakkars á conquista de Jakobsland, senón en busca de festa.