Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Llega la Rapa das Bestas, primera gran fiesta internacional de la temporada de verano

Chega a Rapa das Bestas, primeira gran festa internacional da tempada de verán

A sede de Turismo Rías Baixas acolle a presentación desta gran festa nun acto no que participou a artista Rosa Cedrón, estrela este ano do Festival RapaSons

Rapa das Bestas

A primeira gran cita festiva internacional do verán nas Rías Baixas está xa ao caer. O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu esta mañá a presentación da nova edición da Rapa das Bestas , unha das cinco festas de Interese Turístico Internacional e que este ano terá lugar entre o 5 e o 8 de xullo. O deputado Santos Héctor Rodríguez exerceu como anfitrión do acto, que contou coa participación, entre outras persoas, da intérprete Rosa Cedrón, un dos grandes nomes este ano no cartel do Festival RapaSons.

A Rapa das Bestas é unha celebración extraordinaria, un espectáculo multitudinario de enorme forza visual no que as aloitadoras e aloitadores bátense corpo a corpo coas bestas para cortarlles as crinas, explicou o deputado de Turismo, quen destacou que este evento “contribúe a poñer á provincia de Pontevedra no mapa das grandes festas de Europa”.

O responsable de Turismo recoñeceu o traballo da organización durante todo o ano “para que as greas (ou mandas) poidan estar nos tres curros”, e destacou que Sabucedo “é unha zona de enorme beleza, cunha poboación hospitalaria que reflicte á perfección o carácter acolledor da provincia de Pontevedra”.

Rapa das Bestas

87 xornalistas con acreditación

A espectacular aloita atrae a profesionais da comunicación de todo o mundo a A Estrada durante a festa. O presidente da Asociación Rapa das Bestas, Henrique Bazal, explicou que polo momento se estenderon 87 acreditacións para medios nacionais e doutros nove países, entre eles EE. UU., Arxentina, Colombia, Portugal, Rusia, Francia e Alemaña.

A Rapa comeza o venres 5 de xullo coa misa na honra a San Lourenzo, patrón da parroquia, e a subida ao monte, onde se xuntan as distintas greas. As bestas son baixadas ao pobo e teñen lugar tres curros: o sábado (ás 19 h), o domingo (12 h) e o luns (12 h). Este ano a organización espera reunir 350 bestas. Bazal lembrou que o curro do luns ten carácter solidario; parte da recadación será entregada ao Banco de Alimentos.

“A Rapa é un atractivo turístico importantísimo na nosa zona. Todas as casas rurais están abarrotadas, e tamén as do entorno, ata Pontevedra mesmo”, explicou na presentación Juan Constenla, concelleiro da Estrada.

RapaSons: “O sentir dun pobo”

O curro é a parte máis espectacular da Rapa, pero as festas inclúen unha ampla axenda de actos culturais e de lecer para todos os públicos. A cita principal é o Festival RapaSons, que terá lugar entre a noite do venres e o mediodía do luns. Este ano conta cunha ducia de actuacións.

Rosa Cedrón remarcou que RapaSons “reflicte o sentir dun pobo” e enxalzou o programa “bonito e completo, cun amplo abanico de estilos musicais galegos”. A artista animou á cidadanía da provincia e ás persoas que nos visitan a acudir a Rapa. “É unha fin de semana estupenda para pasar en Sabucedo”, suxeriu.