Fiestas en Rías Baixas
Atrás

A Deputación retoma a campaña contra as agresións sexuais nos #FestivaisRíasBaixas

A Deputación retoma no PortAmérica 2019 a campaña de igualdade para previr agresións sexuais nos #FestivaisRíasBaixas

Presentación das novidades da campaña #LembraEuDecidoTiRespectas e #ContaComigoEuRespéctote

A Deputación de Pontevedra retoma desde esta fin de semana en Caldas a campaña de igualdade #LembraEuDecidoTiRespectas #ContaComigoEuRespéctote para previr as violacións en cita e as agresións por submisión química nos #FestivaisRíasBaixas que se desenvolverán este verán na provincia e que comezan este xoves con Portamérica 2019

Con motivo da posta en marcha da campaña, que acada a súa terceira edición, as técnicas de Igualdade da Deputación mantiveron unha reunión no Concello de Caldas con representantes da corporación, do CIM, do Centro de Saúde, da Garda Civil e da Policía Local, que velarán polo normal desenvolvemento do evento e pola súa seguridade, para explicarlles as novidades da iniciativa e o plan de traballo, e para dar conta do informe de impacto de xénero de 2018. Analizouse a resposta á hora de intervir, así como os problemas que se atopan os profesionais. 

Axentes de igualdade

No recinto de Portamérica a Deputación instalará de novo un punto de información no que estarán cinco axentes de igualdade, que entregarán os folletos dirixidos a mozas e mozos, con contidos diferenciados para mulleres e para homes, e outros materiais promocionais que van complementar a campaña, como adhesivos, sombreiros, tarxetas ou pulseiras. Ademais destas pulseiras, as novidades da campaña serán a edición das guías en castelán, que recollen as suxestións do público da pasada edición que proviña doutras comunidades autónomas. Tamén se fará énfase nos hashstags da campaña para que o impacto da mesma sexa maior. No stand colocaranse tarxetas do CIM para que as mulleres que se acheguen coñezan este servizo, así como a súa nova localización, dando a coñecer os recursos con que conta o Concello de Caldas. 

Doutra banda, presentouse o balance da pasada edición da campaña no Portamérica, cuxa boa resposta foi valorada moi positivamente na xuntanza. Ao stand da Deputación achegáronse 1.620 persoas, das máis de 8.000 que foron atendidas nos sete festivais celebrados entre xullo e agosto na provincia pontevedresa. Delas, o 60% foron mulleres e o 40% homes e na presentación do balance, a presidenta provincial, Carmela Silva, salientara a receptividade desta campaña por parte das mulleres, especialmente as máis novas. 

Na pasada edición deuse un paso máis cara a implicación dos mozos na campaña, baixo o lema “Conta Comigo Eu Respéctote”, que pretende que estes amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores, como aliados das mulleres. O goberno provincial desenvolverá estas accións formativas e de coordinación cos colectivos de atención ao público nos seis concellos restantes nos que se levarán a cabo os Festivais Rías Baixas, co obxectivo de proporcionar ferramentas e desenvolver protocolos de colaboración e coordinación ante unha posible agresión sexual.