Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Galaicos recala no Museo de Pontevedra

“Galaicos” recala no Museo de Pontevedra tras ser visitada por máis de 32.000 persoas en Madrid e Valencia

A presidenta da Deputación destacou que esta exposición, que se abre ao público do 4 de outubro ao 2 de febreiro, servirá tamén para render homenaxe á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra no 125 aniversario da súa fundación

O Museo de Pontevedra será a última parada da mostra “Galaicos: Un pobo entre dous mundos”, tralo seu éxito nas anteriores estadías en Madrid e Valencia, segundo destacou hoxe a presidenta da Deputación de Pontevedra. Carmela Silva anunciou que a exposición poderá verse desde o vindeiro venres, día 4 de outubro (19 horas), ata o 2 de febreiro, no Sexto Edificio do Museo para dar a coñecer “o rico patrimonio arqueolóxico e cultural de Galicia e, en concreto, da provincia de Pontevedra”. Ademais, esta mostra servirá tamén para conmemorar o 125 aniversario da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, “que foi o xerme do Museo desta cidade”.

Silva lembrou que esta mostra recibiu no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid a 18.000 visitantes e, no Museo da Prehistoria de Valencia, a outras 14.000 persoas respectivamente, “sen contar a Noite dos Museos, que o Museo de Valencia dedicou a esta exposición e a todo o que ten que ver coa historia da Prehistoria na nosa provincia”. Tras este éxito, recalará en Pontevedra co obxectivo de divulgar o patrimonio arqueolóxico e dentro da aposta da Deputación “por un turismo sostible, baseado na cultura, na historia, con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano e, polo tanto, ser un acicate para a desestacionalización”. 

A exposición “Galaicos”, como explicou máis polo miúdo a presidenta da institución provincial, aproximará ás persoas que a visiten á historia de Galicia no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (anos 1500-800 antes da nosa era) e o século VI, e pretende amosar o nexo de unión entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo: “Galicia e, particularmente a provincia de Pontevedra, era o centro da relación entre o Atlántico e o Mediterráneo. A nós nos explicaron que sempre fomos a periferia, que non xogamos un papel relevante na historia e é absolutamente falso.

 

Nesa época na que o Atlántico e o Mediterráneo comercializaban e intercambiaban, o que estaba moi afastado era o centro de España, Madrid, porque non había forma de chegar alí. Sen embargo, as comunicacións nese período eran por mar, e nós estabamos situados nun eixe moi relevante. Eramos o centro da relación entre estes mundos. Polo tanto, esta exposición tamén ten como obxectivo poñer en valor a nosa grande historia”.

Pezas orixinais e réplicas

Engadiu que entre os obxectos arqueolóxicos que se amosarán na exposición, haberá orixinais e emblemáticos ou, noutros casos, réplicas dos mesmos. Xunto a eles ofrecerase “información concreta dalgúns xacementos arqueolóxicos da provincia e fotografías e vídeos que permiten coñecer os xacementos e valorar a importancia da paisaxe arqueolóxica na provincia, por exemplo bosques con petróglifos, acantilados ou baías con castros, vales profundos, así como da materialidade do urbanismo e da arquitectura castrexa”.

Neste senso, indicou que destacan os xacementos da Cabeciña, Penalba, A Lanzada, Santa Trega, monte do Castro, Castro de Alobre e Castrolandín, monte do Facho, a vila romana de Toralla e Salinas de Vigo, Adro Vello e A Lanzada tardía. A idea é amosar, “como xa fixemos en Madrid e Valencia, cales foron os cambios e as continuidades que se producen durante un longo período de tempo de máis de dous mil anos da historia de Galicia e darlles as claves para a interpretación dos nosos xacementos”.
 

Castro Ribadumia

A exposición, apuntou, articúlase en 5 ámbitos cronolóxicos, que responden a unha periodización histórica. A primeira, “¿Campesiños e guerreiros?” fala da Idade do Bronce Final (anos 1500 a 800 antes da nosa era); a segunda, “Poboados fortificados da Primeira Idade do Ferro”, comprende do ano 800 ao 400 a.n.e.; a terceira, “O Atlántico ábrese ao Mediterráneo”, do 400 ao 19 a.n.e.; a cuarta “Na esfera de Roma: Gallaecia”, nos séculos I a III da nosa era e “A provincia de Gallaecia”, de finais século IV ao século VI. 

Silva lembrou que a mostra, que ten como comisarios ao arqueólogo da Deputación Rafael Rodríguez e ao historiador e museólogo Antoni Nicolau, conta con pezas prestadas por un total de dez entidades “ás que lle agradecemos de novo que sexamos capaces de traballar conxuntamente e sumar sinerxías para amosar esta grande historia e este gran patrimonio arqueolóxico”. Cinco delas son da provincia de Pontevedra: o Museo de Pontevedra, o MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Trega), Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, Museo do Mar de Galicia e o Museo Massó. O resto son de Galicia: Museo Provincial de Lugo, Museo das Peregrinacións de Santiago, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón. E de fóra da comunidade figura o Museo Arqueológico de Asturias.

Durante o tempo que dure a exposición, ata o 2 de febreiro, a Deputación vai desenvolver múltiples actividades arredor desta mostra, como anunciou a presidenta, entre elas visitas guiadas e dramatizadas, xornadas de conferencias, recreacións históricas, “e queremos ademais tamén que estes contidos estean ligados a xornadas gastronómicas”.