Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Tráfico Web

A renovada web de Turismo Rías Baixas incrementa un 11 % as súas visitas

A mellora de contidos e audiovisual impulsa as redes sociais con 25.000 seguidoras e seguidores en Twitter e un notable aumento en Facebook

A renovación da web de Turismo Rías Baixas e a importante aposta audiovisual realizada pola Deputación de Pontevedra para promocionar a provincia de Pontevedra logrou excelentes resultados. A páxina incrementou un 11 % as súas visitas desde principios de ano e en agosto bateu o seu récord histórico de usuarias e usuarios mensuais con 41.200 persoas seguindo puntualmente a información sobre a completa oferta turística de Rías Baixas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou esta mañá no Pazo provincial os bos resultados do proxecto de actualización da web e destacou o “enorme impacto” logrado polo destino #PontevedraProvincia nos últimos meses na Internet e no conxunto das redes sociais de Turismo Rías Baixas. 
O portal conta agora cun deseño claro e intuitivo, adaptado á navegación en todos os dispositivos e con contidos estruturados en base aos eixes do Plan estratéxico de turismo 2017-2020: enogastronomía, natureza, cultura, turismo activo, termalismo, patrimonio, festas e Camiño de Santiago.

Ao 11 % máis de visitas logradas na web de Turismo Rías Baixas súmase un 18,43 % máis de páxinas vistas e un crecemento das usuarias e usuarios novos do 9,16 % desde xaneiro, pasando de 381.284 a 451.573. 

Os datos demostran unha mellora do posicionamento en buscadores por parte da provincia de Pontevedra e un maior interese por campañas específicas como #HambredeExperiencias, os Festivais Rías Baixas e o especial sobre as seis rutas xacobeas que atravesan Rías Baixas . Todo este contido novo logrou que aumenten tamén as páxinas consultadas por sesión e que as usuarias e usuarios pasen máis tempo no portal de Turismo Rías Baixas .

A conta oficial de Twitter acaba de alcanzar a simbólica cifra de 25.000 usuarias e usuarios, consolidando o seu liderado entre as deputacións galegas. Nos tres meses de verán lográronse 1,2 millóns de impresións cos tuits publicados desde @turisriasbaixas. En Facebook tamén se rexistrou un notable crecemento e a páxina de Turismo Rías Baixas queda preto tamén das 25.000 persoas.