Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Etiqueta Negra: paraíso gourmet en Pontevedra

Etiqueta Negra: o paraíso gourmet esta fin de semana en Pontevedra

A Tetería da Deputación volverá á feira, que reúne máis dun centenar de expositores con produtos de calidade e innovadores

Marmeladas, cervexas, viños, queixos, aceites, cafés, licores, sidras, galletas, patés, carnes, conservas ou embutidos. A feira Etiqueta Negra reúne do 9 ao 11 de novembro en Pontevedra a variada e excelente oferta do gourmet galego con máis dun centenar de expositores chegados desde todos os recunchos da comunidade. Durante tres días, profesionais do sector hostaleiro, produtoras e produtores e amantes da boa cociña teñen unha cita imprescindible no Recinto Feiral de Pontevedra para coñecer as últimas innovacións culinarias e formarse nos numerosos obradoiros e degustacións do programa. Aquí dámosche algunhas pistas para que saques o máximo partido á visita a este apetitoso salón.

Tetería

A Deputación de Pontevedra colabora coa organización e ademais estará presente cunha caseta propia para dar a coñecer os excelentes produtos de Rías Baixas. A institución volverá abrir a súa Tetería para realizar sesións nas que se dean a coñecer os distintos tipos de té do país e reservará un importante espazo para emprendedores que participaron nos seus programas de formación. Promocionaranse os produtos de Paparroibo, Mariquita de Azucre, A Batea do Mercado, Millocorvo e Pastas Delicatesen.

Showcookings e obradoiros

Etiqueta Negra abre as súas portas ao público o sábado e ata o luns acolle un amplo programa de actividades no que destacan os showcookings de recoñecidos chefs como Pepe Solla (Casa Solla), Daniel Guzmán e Julio Sotomayor (NOVA), Yolanda León e Juanjo López (Cocinandos, en León), Iván Domínguez (Nado), Iñaki Bretal (Eirado da Leña), Manu Núñez (Arume, en Barcelona), Rubén González (El Cafetín de la Alameda), Mel de Galicia con Lara del Río (Balieiros) ou Moisés Rodríguez..

Produtos ecolóxicos

As persoas interesadas en descubrir novos sabores non deben perder esta oportunidade que lles permitirá probar, nun único espazo, unha ampla gama de produtos de proximidade e ecolóxicos que destacan pola súa calidade e a súa exquisitez. A variedade e calidade do certame é unha mostra máis das excelentes materias primas que nos proporcionan as nosas rías e hortas. 

Etiqueta Negra é unha formidable oportunidade para aprender, probar e seguir descubrindo a potentísima oferta enogastronómica da provincia de Pontevedra e do conxunto de Galicia. Obradoiros de cociña atlántica e elaboración de pan con masa nai, catas de vermú, degustacións de sidra ecolóxica e propostas innovadoras para sacar partido a produtos tradicionais como o requeixo ou os grelos avanzan unha fin de semana repleta de experiencias gastronómicas en Pontevedra. Non o perdas.