Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - La centolla regresa a los restaurantes de O Grove

A mellor centola regresa aos restaurantes do Grove

Comeza a campaña de extracción deste prezado marisco das Rías Baixas, un clásico do Nadal que ademais se comercializará co selo de calidade “Centolo do Grove”

A tempada da centola ábrese nas costas da provincia de Pontevedra. A frota iniciou a madrugada do día 11 a captura do marisco por excelencia das Rías Baixas, un auténtico manxar para os padais máis exquisitos e a estrela de gran parte dos menús deste próximo Nadal dentro e fóra de Galicia. 

A campaña da centola é a máis importante do ano para a frota do Grove e a de 2019 será ademais moi especial, xa que a súa confraría logrou que se recoñeza a calidade do produto local nas lonxas e mercados. A partir deste mes comercializarase coa etiqueta “Centolo do Grove”, un distintivo co que as e os consumidores poderán diferenciar o marisco das Rías Baixas do foráneo e ao mesmo tempo coñecer as notas distintivas que o converten nun produto de calidade inigualable.

Xornadas de exaltación nos restaurantes

A vila mariñeira réndelle nesta recta final do ano homenaxe ao crustáceo rei e organiza as xa tradicionais Xornadas de Exaltación da Centola, do 14 de novembro ao 9 de decembro, que axudan a promocionar este marisco fóra de Galicia e que lles permiten ás e os visitantes que chegan ao Salnés gozar de exquisitas elaboracións en ducias de restaurantes.
A actividade estes días é frenética no porto do Grove e tamén para os Empresarios Grovenses de Bens e Servizos (Emgrove) que organizan as xornadas. O 12 de novembro presentan o programa completo no Museo da Pesca e a Salgadura de Punta Moreira e o día 14 viaxan a León para atraer novos comensais na Casa de Galicia. Outro dos seus retos é difundir a gran versatilidade do produto que poñerán en práctica o día 16 na Guarda cunha nova maridaxe de centola e vaca cachena. 

 

centolla
centolla2

 

Roteiro centoleira

As actividades prolónganse ata decembro. Se che gusta o marisco non podes perder a Ruta Centoleira que os fins de semana permitirá degustar este manxar nos locais de hostalería da zona. Entre charlas e degustacións chegarase case ata as festas do Nadal, cunha nova árbore centoleiro que adornará o Nadal no Grove. A “Gran Centolada” no cámping do Curro está prevista este ano para o día 7 de decembro.

Probar a centola en todas as súas exquisitas versións convértese durante estes meses de frío nunha escusa inmellorable para mergullarse de cheo na rica gastronomía do Salnés, recoñecida dentro e fóra de Galicia polos seus excelentes peixes e mariscos. O inicio da tempada de centola e as actividades de promoción de Emgrove poñen ademais o cobizado crustáceo ao alcance dun numeroso público a prezos accesibles. Non te perdas esta gran oportunidade e saborea unha das xoias da cociña das Rías Baixas.