Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Rutas guiadas y gratuitas por grandes castros de Pontevedra (Noticia)

Apúntate ás rutas guiadas e gratuítas por Castrolandín, A Lanzada, Toralla, Salinae e Santa Trega

As visitas aos tres castros, a vila romana e o centro arqueolóxico están enmarcadas nas actividades da exposición “Galaicos” e o prazo ábrese o 9 de decembro

Queres coñecer en persoa cinco grandes xacementos e recintos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra en visitas guiadas por persoas expertas que che contarán a súa historia? O luns 9 de decembro ábrese o prazo para participar nas tres rutas gratuítas organizadas pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas, enmarcadas nas actividades da exposición “Galaicos” que acolle o Museo de Pontevedra. As e os participantes poderán percorrer e coñecer a fondo os xacementos do Santa Trega (A Guarda), A Lanzada (Sanxenxo), Castrolandín (Cuntis), a vila romana de Toralla (Vigo) e o Centro Arqueolóxico do Areal "Salinae" (Vigo).
 
[ACTUALIZACIÓN: Inicialmente íase a visitar tamén O Facho, pero as predicións meteorolóxicas de fortes chuvias obrigaron nos días previos a suspender esta excursión e sustituirase por "Salinae"].
 
O proceso de solicitude ábrese as nove da mañá do luns día 9 de decembro. As persoas interesadas deben enviar un correo ao enderezo visitasguiadas@depo.es. Nel deben facer constar o día e o itinerario da ruta á que se queren apuntar, o nome e apelidos de cada unha das persoas que se inscriben e un número de teléfono de contacto. En cada correo poden incluírse un máximo de catro persoas e as 30 prazas que se ofertan en cada excursión cubriranse por rigorosa orde de inscrición, contabilizando só aquelas solicitudes que se envíen cos datos requiridos, correcta e claramente indicados. As tres saídas realizaranse desde Pontevedra, con punto de encontro na capela de San Roque, e a excursión de Santa Trega inclúe unha visita á adega Terras Gauda no Rosal.
 
Aquí informámosche sobre cada ruta:
 

1. Castrolandín - Fundación Terra Termarum - A Lanzada (14 de decembro)

Castro de A Lanzada (Sanxenxo)
 
As persoas participantes na excursión deberán presentarse ás 8:45 horas na capela de San Roque de Pontevedra para a saída. Tras o desprazamento a Cuntis percorrerán o xacemento de Castrolandín, situado preto do centro da localidade. O poboado fortificado data da Idade do Ferro e estivo habitado entre o século IV a.n.e. e o século I. A visita estará guiada por persoal da Fundación Terra Termarum, que ten como fin divulgar o rico patrimonio arqueolóxico da localidade. Posteriormente visitarase a fundación.

Desde alí poñerase rumbo ao xacemento da Lanzada, situado xunto ao mar nunha paisaxe de extraordinaria beleza. Data do Bronce Final e o recinto foi habitado en varias etapas históricas ata a Idade Media. O arqueólogo Rafael Rodríguez, un dos comisarios de “Galaicos”, guiará ao grupo polo castro. Ao termo o bus volverá a Pontevedra, onde chegará ao redor das 14:45 horas.

2. Vila Romana de Toralla e Centro Salinae (21 de decembro)

Castro del Monte de O Facho (Cangas do Morrazo)
 
As e os participantes deben presentarse ás 8:45 horas na capela de San Roque de Pontevedra. Desde alí o grupo partirá cara á Vila Romana. O xacemento foi ocupado entre os séculos IV e V, e trátase da única vila romana de Galicia escavada integramente e que se pode visitar.
 
O percorrido continuará no Centro Salinae, tamén en Vigo, onde o grupo poderá coñecer a única salina marina de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano. A hora aproximada de regreso en Pontevedra está prevista para as 14.45 horas.

3. Santa Trega e adega Terras Gauda (11 de xaneiro de 2020)

Castro de Santa Trega (A Guarda)
 
O grupo reunirase ás 8:45 horas na capela de San Roque Pontevedra e partirá con destino á Guarda para visitar o castro de Santa Trega, o máis importante de todo o noroeste peninsular e situado nunha impresionante paraxe, sobre o monte do mesmo nome e na confluencia entre o río Miño e o océano Atlántico. O arqueólogo Diego Piay guiará ás e aos participantes polo xacemento, datado entre os séculos IV a.n.e. e I, e extraordinariamente conservado. Posteriormente o grupo visitará a adega Terras Gauda, no Rosal, e regresará a Pontevedra, onde chegará ás 14:45 horas aproximadamente.
 
Máis información sobre as rutas e a exposición Galaicos aquí 
 
Máis información sobre os castros da provincia aquí